www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Setembro de 2018

Rita Míguez: "As consecuencias dun transvase do Verdugo afectarían a toda a Ría"
Sociedade • 22/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A patroa maior da Confraría de Arcade non oculta a súa preocupación polos plans da Xunta e do Concello de Vigo de levar a cabo o transvasamento de auga do Verdugo ao Encoro de Eiras. Unha actuación de consecuencias impredecibles, que non conta con estudos de impacto e que no sector do mar viven con especial temor "reducir a canle de auga doce que chega a enseada provocará unha diminución dos recursos marisqueiros e porá en risco o modo de vida de centros de familias". Entende que é preciso parar este proxecto e chama á cidadanía a mobilizarse este sábado ás 11:00 horas en Arcade.


Rita Míguez fai un chamamento ás autoridades a que unha vez superada a situación de emerxencia por seca, reflexionen e valoren as consecuencias que un trasvase de auga do río Verdugo tería en toda a comarca e en toda a ría. Consecuencias que inquietan especialmente por non existir ningún estudo nin informe que certifique a repercusión que esta actuación tería sobre o medio ambiente.


De feito, dende a Confraría temen que unha redución na cantidade de auga doce que chega ao mar supoña un prexuizo para os bancos marisqueiros pero tamén para o choco e a anguía sen esquecer que poría en perigo toda a fauna e flora que habita nese espazo.


Ante esta situación convocan aos veciños a se mobilizar este sábado. A protesta, apoiada pola confraría de Arcade e a Xunta de portavoces do Concello de Soutomaior, terá lugar as 11:00 horas da mañá. A marcha saíra do Peirao de Arcade e circulará polas rúas do Peirao, Rosalía de Castro, Roxelio Landeiro e atravesará a Ponte Medieval ata chegar á Xunqueira de Ponte Sampaio. Esta é unha das medidas adoptadas conxuntamente polos representantes do Concello de Soutomaior (PP, BNG e PSOE) e o sector marisqueiro da localidade para deter o transvasamento do río Verdugo ao encoro de Eiras.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: