www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Maio de 2018

Danza solidaria no Multiúsos
Sociedade • 21/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A Escola de Danza Déborah Alfaya organiza este venres un festival solidario a beneficio da ONG redondelá DaMan, que traballa en Senegal con programas de sanidade e educación. A entrada-donativo custa 3,5 euros, unha pequena cantidade de cartos que serve para que esta asociación, que preside a médico pediatra Pilar Martínez, devolva a vista aos afectados por cataratas nun pais no que a sanidade non é gratuíta.


A cita é este venres 22 ás 18:30 horas no Multiusos da Xunqueira, e os que asistan poderán coñecer tamén o traballo que fan os voluntarios de DaMan nas localidades de Senegal nas que traballan. Accións que precisan de implicación humana pero tamén de fondos económicos e que deron xa froitos concretos como a escola que comezou a funcionar no 2011 e na que os rapaces, ademais de recibir formación comen cada día.


Os programas sanitarios permiten tamén facer un seguimento da poboación, mellorouse a situación das mulleres con matronas que fan controis dos embarazos.


Outro dos proxectos máis importantes que teñen en marcha actualmente é o do equipo oftalmolóxico para operar de cataratas a todas as persoas que padecen este problema de visión, con 300 operacións dende a súa posta en marcha, así como outras intervencións encamiñadas a mellorar a atención sanitaria de todos aqueles que non poden acceder a un servizo que en Senegal non é gratuíto.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: