www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

Sanidade confirma a "mala calidade" da auga na traída de Redondela
Sociedade • 20/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Unha semana despois de que o Concelleiro de Medio Ambiente aconsellara aos veciños "non consumir auga directamente da billa nas vivendas que se abastecen da traída municipal pola mala calidade da augas", as últimas análises feitas públicas pola Xunta de Galicia constatan que a situación segue sen se corrixir. De feito, o nivel de ferro está moi elevado en diferentes puntos de toda a área metropolitana, entre eles os depósitos de Quintela e San Esteban, dos que se abastece a traída municipal, con valores que superan o aconsellado. Con todo, a situación mellorou e, malia non ser de calidade as autoridades insisten en que a auga é potable.


As últimas analíticas realizadas polos técnicos do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade confirman que os valores que se fixan para garantir a calidade da auga como son a cor, o ferro e a turbidez permanecen altos en varios puntos dos concellos da área metropolitana.


Segundo informan os técnicos do servizo, en Vigo, Redondela, Soutomaior, Moaña e Salceda as análises do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia revelan que a auga segue sen reunir as condicións que garanten a súa calidade. Cómpre lembrar que a partir dos parámetros de 200 partes por billón (ppb) de ferro se deben adoptar medidas correctoras para recuperar a calidade aceptable para a autoridade sanitaria. A partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación.


As últimas analíticas realizadas polos técnicos das concesionarias encargadas do subministro municipal en Vigo, Moaña, Soutomaior e Redondela confirman que os valores de medición da calidade da auga permanecen estables aínda que co ferro por encima das 200 partes por billón. É o caso da rede de Canido e Sanjurjo Badía (Vigo), da de Quintela e San Esteban (Redondela), da rede de Salceda de Caselas (Consorcio do Louro), do deposito de Outeiro e Berducedo (Moaña) ou da rede de Coello e Cochón (Soutomaior). Todas elas superan as 300 ppb.


A Consellería manterá activos os seus controis cunha frecuencia máis elevada do habitual, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos, que son os que deben garantir a calidade da auga e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria no subministro do servizo municipal. Ademais, insta ás concesionarias municipais a tomar medidas correctoras urxentes para baixar os indicadores en concordancia co que marca a normativa sanitaria.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: