www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

Redondela redistribúe os contedores de reciclaxe do casco urbano
Política • 18/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A retirada de colectores das rúas do casco urbano está a provocar críticas por parte dalgúns veciños que entenden que esta decisión vai en detrimento da reciclaxe. Dende a Concellería de medio ambiente defenden a iniciativa "está demostrado que un maior número de colectores non supón unha maior implicación da poboación na separación e reciclaxe dos residuos" e argumentan a decisión porque se busca "menos puntos máis concentrados para evitar que os camións de recollida fagan tantas paradas, o que supón maior contaminación".


O edil de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez explica tamén que se busca "evitar o feísmo que levan aparellados estes colectores". Os colectores retirados están a ser substituídos por outros de maior tamaño e capacidade "os antigos tiñan unha capacidade de 2400 litros e os novos son de 3200, o que supón que non son necesarios tantos colectores para reciclar a mesma cantidade de lixo".


"O que se enchufa, recíclase"


Logo de pasar por Chapela chega a Redondela, ata o vinderio 22 de decembro, esta campaña que busca concienciar á cidadanía sobre a necesidade de reciclar todo tipo de electrodomésticos, tamén os de menor tamaño así como calquera residuo de aparatos eléctricos ou electrónicos. Unha iniciativa que reparte contenedores entre os diferentes establecementos como as tendas e os supermercados, nos que os veciños pdoerán depositar os aparatos inservibles. Os obxectivos que perseguen con esta campaña son combater os efectos negativos da vertedura incontrolada dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, especialmente os máis pequenos, eliminar as prácticas ilegais asociadas a súa xestión e informar a cidadanía sobre a importancia do correcto tratamento do refugallo mediante unha tripla acción: reparar, reutilizar e reciclar.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: