Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

O certame literario "Os Viaductos" medra e estrea o seu Primeiro Premio de Novela
Cultura • 15/12/2017
Autor: Ana Prieto

O concurso literario que convoca o Concello de Redondela chega á maioría de idade reconvertido no I Premio Viadutos de Novela. O gañador recibirá 3.000 euros e a súa obra será publicada pola Editorial Galaxia, organizadora do certame.


Deste xeito, o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, que acadaba neste 2017 a súa decimoitava edición, convértese nun premio de novela. O director xeral de Galaxia, Francisco Castro, salienta a importancia deste "paso adiante" do premio co que o Concello de Redondela aposta unha vez máis "polo apoio e fomento da creación e a publicación en lingua galega". O premio está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora será publicada na colección Literaria da Editorial Galaxia. A novela entrará así no circuito literario galego, con presenza nas librarías e nos medios de comunicación. Deste xeito levará o nome do Concello de Redondela por todo o país, e será "un enorme atractivo" que animará a participar a moitos creadores galegos. O certame de relatos curtos estaba dirixido a novos narradores en galego, ata o de agora podían concorrer obras de autores entre os 18 e os 35 anos. Agora o premio de novela elimina o límite de idade, polo que poden participar todos os creadores que o desexen. Poderán participar no Premio Viadutos aquelas autoras e autores maiores de 18 anos que teñan unha novela inédita que supere as 100 páxinas. O prazo para a recepción de orixinais estará aberto ata o 30 de marzo de 2018 e o fallo darase a coñecer no mes de maio. A entrega do premio terá lugar no Concello de Redondela coincidindo coa presentación da obra premiada. Co gallo da entraga do galardón a vila acollerá toda unha semana de actividades literarias e culturais. As bases do concurso poden consultarse xa na páxina web www.editorialgalaxia.gal. O premio está convocado pola Concellería de Xuventude de Redondela.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: