www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

O instituto de Chapela inaugura un mural dedicado aos trobadores da lírica galego-portuguesa
Cultura • 14/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Chapela organiza este venres a inauguración dun mural dedicado a catro trobadores da lírica galego-portuguesa: Mendinho, Martín Códax, Johan de Cangas e Afonso X. No mural aparece unha imaxe e unha estrofa por cada trobador e tamén se reproduce un fragmento do Pergamiño Vindel que nestas datas podemos visitar no Museo do Mar en Vigo.


É o cuarto mural que se inaugura despois dos dedicados a Rosalía de Castro (2014), Castelao (2015) e Celso Emilio Ferreiro (2016). Con esta serie de murais desde o IES de Chapela réndeselle homenaxe ás figuras máis representativas da cultura galega para divulgar entre a comunidade educativa de Chapela o seu importante labor de defensa e promoción da nosa lingua e da nosa identidade.


O acto terá lugar ás 12:10 horas e nel realizarase unha lectura colectiva de dúas cantigas de Martín Codax e Mendinho na que participará un representante de cada unha das 30 aulas do instituto (ESO, Bacharelato e FP) xunto con representación do profesorado e persoal non docente.


 No acto descubrirase o mural deseñado e realizado por un grupo de alumnas e lumnos do centro: Nerea López (CM APSD), Susana Villaverde (4º ESO), Nerea González (1º ESO), Adrián Durán e Santiago Freiría (1º Bacharelato) e Pablo Domínguez (2º de Bacharelato).


 O acto será presentado polo alumnado de 1º de Bacharelato, que tamén intervirá cunha actuación musical.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: