www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 21 de Novembro de 2018

A Xunta mellora a accesibilidade nos edificios públicos de Fornelos
Institucional • 13/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A intervención consistiu na creación dunha nova praza municipal sen barreiras arquitectónicas na que desembocan a Casa Consistorial, a oficina de correos, o centro médico e o auditorio. A obra supuxo un investimento de 65.000 euros.


O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, desprazouse a Fornelos de Montes para comprobar sobre o terreo os resultados das obras levadas a cabo nesta localidade ao abeiro da liña de axudas para a mellora da accesibilidade en espazos e edificios públicos impulsada pola Xunta de Galicia.


 Así, a actuación de accesibilidade permitiu a creación dunha praza municipal sen barreiras arquitectónicas, con novos itinerarios peonís, renovación da sinalización, creación de zonas de aparcamento para persoas con minusvalías e instalación de mobiliario urbano. A intervención desenvolveuse nun espazo no que desembocan a Casa Consistorial pola parte traseira, a oficina de correos e as entradas ao centro médico e ao auditorio.


A Administración autonómica achegou preto de 65.000 euros á execución destes traballos que consistiron, basicamente, en dotar á zona dun pavimento de formigón e pedra; de rede de sumidoiros para a recollida de augas pluviais; a creación dunha zona de descanso con xardineiras, árbores e bancos; e outra de estimulación cognitiva con mesas de xadrez e de parchís, así como de xogos da moeda e do tres en raia.


Ademais, a actuación incluíu habilitar unha zona de aparcamento reservado para discapacidade no acceso á praza, e a sinalización alfanumérica e en braille dos edificios situados neste contorno. En total, a área de intervención abrangueu unha superficie de 465,50 metros cadrados.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: