www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Decembro de 2017

Soutomaior sae á rúa en defensa do Verdugo e en contra do transvasamento a Eiras
Sociedade • 7/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Os veciños de Soutomaior pero tamén de Redondela e Vilaboa sumáronse onte a unha concentración protesta en contra do anunciado transvasamento de auga do río Verdugo ao encoro de Eiras para garantir o abastecemento de auga a Vigo e concellos limítrofes. Dende o BNG anunciaron que a súa representante no Parlamento Europeo, Ana Miranda, dirixirase á Comisión Europea para denunciar que o trasvase podería incumprir a normativa europea de augas pola posible afectación dos recursos hídricos e dos bancos marisqueiros.


Baixo o lema "Trasvase non! Salvemos os ríos! Salvemos os bancos marisqueiros!" centos de veciños saían ao mediodía de onte á rúa na ponte de Comboa para denunciar as nefastas consecuencias que o transvasamento proposto por Vigo e a Xunta de Galicia tería tanto a nivel medioambiental como económico e social ao afectar aos bancos marisqueiros de Arcade e Redondela. De feito, na protesta estaba presente a patroa maior de Arcade Rita Míguez, quen amosou a súa preocupación polos efectos que esta actuación tería para as 200 familias que viven do sector en Soutomaior.


Dende o BNG, Manu Lourenzo acusaba ao goberno da Xunta de querer "engadir unha agresión máis a un río sempre maltratado e agredido, polo lume, polo abandono das  concas e agora por un proxecto que lle pretende roubar a auga"


Un acto apoiado tamén polo BNG de Redondela cuxo responsable local, Anxo Lusquiños manifestaba a súa oposición "namentras non haxa un estudo que analice cales van ser as súas consecuencias". Criticaba tamén unha obra que busca dar servizo a Vigo mentres nesa cidade non se establece un consumo racional da auga "queren resolver un problema creando outro aínda máis grave que vai prexudicar aínda máis a enseada de San Simón, unha obra letal para o sector pesqueiro e marisqueiro ao reducir a achega de auga doce a ría".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: