www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Decembro de 2017

Traballada vitoria do Pazos F.S. en Compostela
Deporte • 4/12/2017
Autor: Ana Prieto

Axustado triunfo dos de Fran Amoedo, que recuperan a quinta praza do grupo. Peor sorte para o Campito, que perdeu ante o Estrada FutSal. Na Autonómica Sur xornada negra con sendas derrotas para Redondela F.S. e Arealonga.


Terceira División


Santiago B 3-4 Pazos


Partido con moita intensidade o que se disputou en Santiago, onde o empate foi a tónica dominante case todo o encontro, con triunfo finalmente para os de Fran Amoedo. Volven así ao quinto posto da clasificación e Luis segue encabezando a lista como máximo goleador con 20 goles. Na próxima fin de semana reciben ao 5 Coruña. Por ser o último partido na casa antes do descanso de Nadal, celebrarán un gran sorteo e a presentación de todas as categorías do Pazos F.S.


Estrada FutSal 5-3 Campito


O Campito segue nunha complicada situación na táboa, baixa un posto, á 11ª praza, logo da derrota ante un dos candidatos ao título, o Estrada FutSal, 2º na táboa. Na próxima xornada reciben ao Talleres ABC, outro óso, 3º na táboa.


Autonómica Sur


Quinta de Tui 5-1 Arealonga


Os de Chapela seguen como pechacancelas do grupo logo de perder por goleada na pista de A Quinta de Tui. O próximo encontro, Arealonga-Valladares, cos vigueses tamén necesitados de puntos para escapar da parte baixa da táboa.


Os do Val 5-4 Redondela


O Redondela F.S segue penúltimo, logo dunha axustada derrota ante Os do Val. Complícase a situación para o equipo redondelán, que non pode deixar escapar a vitoria na próxima xornada ante o Cesures, tamén en postos de decenso, e cun punto máis que os redondeláns.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: