www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

Marcos Montes: "O Choco ten que seguir na mesma liña de traballo para non ter dificultades"
Deporte • 29/11/2017
Autor: Ana Prieto

Logo da importante vitoria da pasada xornada ante o Boiro, o equipo redondelán está a tan só un punto dos postos de "play off". O técnico advirte que os bos resultados son froito do "excelente traballo" que o equipo está a facer nos adestramentos. Afirma que o seu obxectivo agora é "sumar ante o Barbadás" e advirte que pensar agora noutras metas sería "un erro".


Cos pés na terra, así se mostra o adestrador Marcos Montes, que vive coa filosofía do fútbol "partido a partido". A vitoria ante o Boiro en Santa Mariña, grazas a un gol en tempo de desconto, permítelles manterse na cabeza da táboa, a tan só un punto dos postos que dan dereito á fase de ascenso. Con todo, o técnico non se fía, advirte que a liga é "moi competitiva" e que non deben baixar o actual ritmo de traballo que tan bos resultados lles está a dar. O obxectivo de Montes é sumar canto antes os 45 puntos que lle garantan a permanencia na Terceira División. Agora suman 30, e queren traer 3 máis do campo dos Carrís. Entende que marcarse metas a máis longo prazo non sería positivo para o equipo, xa que os distraería do traballo diario. O rival do domingo, o Barbadás, está nunha situación complicada, en postos de descenso, pero en liña ascendente. Gañou os dous últimos encontros, e dará a batalla nos Carrís, un campo moi complicado no que a estratexia do Choco será fundamental para poder acadar un resultado positivo.
Selección Galega
O Choco non poderá contar hoxe con dous dos seus xogadores para preparar o encontro, xa que están convocados pola Selección Galega. Trátase de Escobar e Lucas. O seleccionador "Pichi" Lucas, ultima a composición da selección que acudirá á primeira fase da Copa das Rexións UEFA, na que Galicia se medirá a Asturias e Cantabria en territorio asturiano do 8 ao 10 de decembro. O técnico e ex xogador disporá hoxe (16:15) en Cerceda dun último partido de preparación. Unha convocatoria que condiciona o traballo do club redondelán, malia que din sentirse satisfeitos pola presenza dos dous xogadores no combinado galego. O máis importante, para Montes, é que non se produzan lesións. Do club redondelán participan o dianteiro nigranés Antón Escobare e o defensa gondomareño Lucas Fernández. Con anterioridade, o combinado galego do fútbol non profesional mediuse en partidos de preparación a Coruxo e Rácing de Ferrol. Agora toca o Cerceda.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Marcos Montes adestrador
O técnico advierte que deben continuar co actual ritmo de traballo para non ter dificultades no futuro.
Obxectivos do C.D. Choco
Montes márcase como primeiro obxectivo sumar os 45 puntos que lle garantan a permanencia.
Barbadás-Choco
Montes augura un partido difícil ante un rival en ascenso e nun campo complicado polas súas particularidades.
Selección Galega
Escobar e Lucas non poderán adestrar hoxe co Choco xa que están convocados coa selección autonómica.