www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

O Choco recupera dous puntos no último minuto
Deporte • 27/11/2017
Autor: Ana Prieto

Félix conseguiu o triunfo para o Choco no minuto 90, despois de que o Boiro conseguira empatar o resultado co 2-2. Vitoria tamén para o filial, que se impuxo no campo do Vincios por 2-4. Na Segunda Autonómica a sorpresa dábaa o Cruceiro, que conseguía ser o primeiro equipo en gañar no Salqueirón ao Arcade.


Terceira División


Choco 3-2 Boiro


Adiantouse o Choco, empatou o Boiro e Félix marcou o gol do triunfo redondelán no minuto 90. Partido dos que fan afección en Santa Mariña, cunha segunda parte de infarto. No conxunto de Marcos Montes destacou sobre todo Antón Escobar, que asociado con Óscar "Chiqui" fixeron posible os dous primeiros goles. O marcador non se abriría ata despois do descanso. No primeiro ataque recolleu un balón do extremo para remontar a liña de fondo e disparou con forza. Rexeitou Reguero, pero Comis empurrou o rexeite. Reguero, o porteiro visitante, lesionouse nesa acción e foi substituido por Dieste. O segundo gol foi de Escobar, que conectou un disparo dende a frontal, moi axustado ao pau, que bateu ao fondo da rede. Reaccionou o Boiro e, aos tres inutos, recortaba distancias. Igor recolleu un balón longo na área para facer o primeiro, e no minuto 84 Caridad empataba para os de Boiro. Parecía que o partido remataba en táboas, pero apareceu Félix Rial. Conectou un remate de cabeza nun saque de curruncho de Gabi Misa, e anotaba o gol do triunfo no minuto 89, o que deixaba os tres puntos en Santa Mariña.


Choco: Cortegoso, Javi González, Gándara, Lucas, Rubén Comesaña, Alberto Suárez, Marcos Pérez (Ricar, min. 85), Gabi Misa, Comis (Félix, min. 79), Óscar "Chiqui" (Pablo Couñago, min. 89), Antón Escobar.


Boiro: Reguero (Dieste, min. 51), Javi Otero (Remeseiro, min. 61), Jorge Fernández, Santi Taboada, Caridad, Rubio, Cano, Pablo Pillado, Yhavé (Herbert, min. 77), Miguel Villar, Igor.


Goles: 1-0, min. 47: Comis; 2-0, min. 63: Escobar; 2-1, min. 66: Igor; 2-2, min. 84: Caridad; 3-2, min. 89: Félix.


Segunda Autonómica


Vincios 2-4 Choco B


O filial ascende á segunda praza do grupo logo da vitoria no campo do Vincios, favorecido pola derrota do Tyde ante o Tebra. Desde ese segundo posto o Choco B recibirá o domingo á Guía, equipo situado no ecuador da táboa.


Arcade 0- 1 Cruceiro


O Cruceiro deu a sorpresa ao vencer ao Arcade no Salgueirón. Un único gol de Jorge daba os tres puntos aos visitantes, convertendo ao Cruceiro no primeiro equipo en vencer no campo do Arcade. Os locais tentaron por todos os medios remontar o partido, pero topáronse coa excelente actuación de Abraham, o porteiro visitante. O Arcade segue no liderado, pero igualado xa polo Caldas, que non fallou ante o Cerpozóns. Os de Soutomaior deben seguir sumando na próxima xornada, se non queren descolgarse da cabeza. Visitarán o campo de A Lama, equipo situazo no pozo da táboa.


Terceira Autonómica


Coia 1-1 Chapela


Reparto de puntos en Coia, que relega ao Chapela á 7ª praza do grupo. Poderán mellorar a súa situación na próxima xornada, xa que reciben a un feble rival, o Nespereira, pechacancelas do grupo.


Cesantes 2-4 Poio


O Cesantes baixa ao 3º posto logo da derrota ante o Poio, cada vez máis líder, malia que tamén conta cun partido máis disputado. Na próxima xornada os redondeláns disputarán tamén un importante encontro, xa que se miden a un dos seus rivais directos polos postos de cabeza, o Cotobade, actualmente 4º clasificado, con 2 puntos menos que o Cesantes.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: