www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Cedeira garante o subministro de auga cos depósitos a un 60% da súa capacidade
Sociedade • 21/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

As comunidades de auga dalgunhas parroquias teñen decretado restricións nos consumos para garantir o subministro ante unha situación meteorolóxica anómala que nos deixa tempo solleiro e seco neste mes de novembro. Con todo, hai parroquias que lograron esquivar esta preocupante situación. É o caso da parroquia de Cedeira. O presidente da súa Comunidade, Gumersido Fernández malia lamentar que os depósitos non estean a rebordar, que sería o natural nesta época do ano, confirma que o subministro está garantido ao presentar os seus depósitos un cheo en torno ao 60%.


A calidade dos mananciais e o consumo responsable garanten o subministro de auga en Cedeira. Mentres noutras comunidades de auga víronse obrigados a adoptar medidas restrictivas no subministro, en Cedeira mantense estable o consumo por vivenda que está establecido nun máximo de 800 litros diarios.


Apunta o presidente da Comunidade que "en circunstancias normais os depósitos estarían soltando  auga ao monte e actualmente estamos nun 60%". Unha situación que non é a óptima para estarmos no mes de novembro, pero que xa foi máis crítica un mes atrás. De feito, a mediados de outubro chegaron saír con megafonía pola parroquia para concienciar aos veciños sobre o consumo responsable.


A situación mellorou co cambio de tempo "porque aínda que non chova o orballo da noite fai que se reduza o rego" explica Fernández.


"Un monte espectacular e uns mananciais fantásticos así como unhas infraestruturas en condicións" permiten a esta Comunidade non ter que adoptar medidas restritivas, situación que podería mellorar coa chegada das chuvias anunciadas para os vindeiros días.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: