www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Políticos por un día
Política • 20/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O Multiúsos da Xunqueira acolle este mércores ás 11:00 horas unha sesión plenaria na que os protagonistas serán os nenos. Participará alumnado dos centros de Quintela, Igrexa, Alexandre Bóveda, Laredo, Santa Mariña e tamén os institutos Illa de San Simón e IES Chapela, que se comprometeron a traballar e expoñer diante dos gobernantes municipais, distintos temas que son de interese para todos. Unha actividade enmarcada dentro do proxecto "Redondela, cidade amiga da infancia".


O Concello vén de iniciar os traballos para lograr que UNICEF recoñeza Redondela coma Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que sinala o xeito de atender os dereitos da infancia e o compromiso na defensa das nenas, nenos e adolescentes que, así mesmo, disporán de canles para facer achegas e para participar nas decisións importantes que lles afecten.


Dende o Concello a tenente de alcalde ,María del Carmen Amoedo, e concelleiro de Xuventude, Julio Mougán sinalan que os nenos, nenas e adolescentes teñen dereitos "deben ser consultados sobre as situacións que lles afectan e as súas opinións seren tomadas en conta", por iso, "dende o Goberno local puxemos en marcha varias iniciativas de participación infantil convencidos de que unicamente coñecendo as súas opinións, intereses e necesidades, poderemos deseñar as actuacións necesarias para darlles resposta, e facer así entre todos que este concello sexa un lugar mellor".


A primeira das iniciativas consistiu en realizar unha enquisa entre os máis de 400 nenos e nenas participantes no Programa de Conciliación do verán e continua cunha serie de actividades dinámicas nos centros de ensino, de cara a preparar unha audiencia infantil que se realizará con motivo da conmemoración do Día dos Dereitos da Infancia.


Será o mércores ás 11:00 horas no Multiúsos da Xunqueira e neste caso concreto xa confirmaron a súa participación os centros, CEIP Quintela, CEIP Igrexa, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Laredo, CEP Santa Mariña e tamén os institutos, Illa de San Simón e IES Chapela, que se comprometeron a traballar e expoñer diante dos gobernantes municipais, distintos temas que son de interese para todos.


O Goberno Municipal pretende sentar as bases dun futuro órgano estable de participación infantil.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: