www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Setembro de 2018

Actividades contra a violencia machista en Soutomaior baixo o lema "Non o xustifiques"
Institucional • 20/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Baixo o lema "Non o Xustifiques"o Concello de Soutomaior organiza esta semana diferentes actividades en torno ao 25 de novembro, día contra a violencia de xénero. A iniciativa ten como obxectivo aumentar a conciencia sobre os distintos tipos de abuso e violencia machista e dar visibilidade a moitas formas de violencia que as veces a sociedade ten normalizada. O programa inclúe un concerto de Lulavai e o reparto no comercio local de bolsas de tea con mensaxes que alertan sobre as diferentes formas de violencia machista.


A campaña terá dúas liñas de actuación, unha primeira que se desenvolverá no Centro de Información da Muller (CIM) de Arcade, que incluirá a lectura dun manifesto en apoio a todas as vítimas de violencia machista e un concerto, de man do cuarteto de corda "Lulavai", e unha segunda liña na que se implicará a gran parte do comercio local do Concello de Soutomaior. Durante a campaña, os locais lucirán uns varios carteis e distintivos de apoio á iniciativa e repartirán entre os seus clientes 2500 bolsas de tea con mensaxes de alerta sobre as diferentes formas de violencia machista. "Coa repartición destas bolsas queremos que a campaña chegue de maneira real á vida das persoas, que se vexa na rúa e no día a día", explicou González. Ademais, instalarase na rúa principal de Arcade o coñecido como "iceberg dos malos tratos", unha figura representativa dos distintos niveis de malos tratos en función da súa visibilidade e o seu grao de sutileza.


Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, quixo facer "un chamamento para que todos os homes se impliquen de maneira real nesta loita. Ser indiferentes fainos cómplices, Non ou xustifiques", finalizou o rexedor.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: