www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 21 de Xullo de 2018

Chapela e Teis unidos pola supresión da peaxe a e eliminación da contaminación acústica
Sociedade • 17/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Medio milleiro de veciños concentráronse hoxe na rotonda das Torres de Padín convocados polas asociacións de Chapela e Teis para reivindicar, unha vez máis, a supresión da peaxe en Rande e a conversión en tramo urbano a AP-9 con entrada e saída nese punto. Unha protesta que serviu para lembrar que os residentes nestas parroquias de Redondela e Vigo son os que soportan a maior contaminación acústica de toda a rede estatal e reclamar a adopción de medidas que diminúan o ruído.  A protesta serviu, segundo anunciaron os convocantes, "para que a Consellería de infraestruturas nos convocara a unha reunión logo de meses facendo oídos xordos ás nosas demandas".


Veciños de Chapela e Teis concentráronse durante media hora na rotonda das Torres de Padín para reivindicar a eliminación da peaxe. Unha protesta que os convocantes cualificaron de "histórica, por ser a primeira vez que ambas as dúas parroquias se manifestan  conxuntamente".


O lugar elixido non era arbitrario, xa que precisamente nese punto é no que entenden debería arrancar o tramo urbano da AP-9 polo que esixen que se habilite unha entrada e unha saída que permita aos veciños de Redondela e Teis empregar esta autoestrada. Neste sentido lembraba Marcial Pérez, da Asociación de veciños de Chapela, que "Redondela e Teis malia padecer o paso desta infraestrutura, non contan cunha circunvalación gratuíta como si sucede en Pontevedra, Santiago de Compostela ou A Coruña".


Escoitáronse críticas cara Audasa e Fomento por non cumprir os seus compromisos de melloras en contraprestación pola ampliación da Autoestrada "seguimos sen melloras nos camiños, no acceso a Trasmañó nin tampouco se ven avances no futuro Colexio de Chapela". Críticas que lanzaron tamén ao goberno local de Redondela por non convocar a Comisión de Seguimento.


Lamentaba Marcial Pérez a ausencia de representantes do goberno na concentración "na prensa din que están a favor da eliminación da peaxe pero non acoden a esta convocatoria" e agradecía a presenza e apoio dos grupos da oposición (PSOE, AER, BNG  e Redondela Pode).


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: