Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Pistas de skate e cancha de baloncesto completarán a zona deportiva da Marisma
Política • 17/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Rematadas xa as obras de mellora nos accesos ao novo pavillón, dende o Concello confirman que a seguinte actuación consistirá en dotar esta zona deportiva de novas pistas de skate e unha cancha de baloncesto. A Xunta investiu 100.000 euros no acondicionamento e humanización da Avenida Mendiño con cargo ao Plan Hurbe. Unha actuación  que permitiu suprimir as barreiras arquitectónicas facilitando así os accesos para as persoas con mobilidade reducida.


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar os traballos para a mellora da accesibilidade na Avenida de Mendiño, en Redondela. Trátase dunha actuación enmarcada no Plan Hurbe, que supuxo un incremento da calidade de vida dos veciños. Así o manifestou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismos, Encarnación Rivas, que visitou, xunto co rexedor local, Javier Bas, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, a zona co fin de coñecer o resultados dos traballos realizados.


Durante a súa visita, a responsable do departamento autonómico recordou que esta actuación, que contou cun orzamento de 100.000 euros, permitiu a rehabilitación da Avenida de Mendiño, así como a humanización do contorno do pavillón polideportivo da Marisma.


En concreto, os traballos consistiron, fundamentalmente, na creación dunha beirarrúa perimetral, que permite o acceso ao pavillón cumprindo as condicións da normativa de supresión de barreiras arquitectónicas. Para conseguilo, creáronse dúas ramplas para facilitar a accesibilidade desde a parcela contigua de aparcamento. Tamén se repararon as beirarrúas e calzada que existía anteriormente ao pavillón, favorecendo así o tránsito ás persoas con mobilidade reducida.


Ao mesmo tempo, efectuáronse diversas melloras na rede de alumeado público, que é de tecnoloxía led, da máxima eficiencia enerxética e calidade ambiental. Ademais, modificouse a posición de postes fóra da beirarrúa, de xeito que se amplía o espazo destinado aos peóns.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: