www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 15 de Novembro de 2018

As xogadoras da SAR, coa ollada posta no liderado
Deporte • 16/11/2017
Autor: Lorena Otero

Son cuartas da División de Honra Prata Feminina e esta fin de semana desprázanse a Palencia. O bo xogo que están a facer neste comezo de liga fai que a dirección do club se marque como obxectivo situarse entre as primeiras da categoría ao final de tempada. No caso do conxunto masculino o reto é a permanencia. Cun equipo renovado case na súa totalidade, con xogadores moi novos e sen experiencia na categoría, os resultados polo momento non están a acompañar pero logo da vitoria da pasada xornada sairán a gañar ao campo do cuarto, o Octavio.


Comportamento desigual o que están tendo os conxuntos masculino e feminino da SAR. Na División de Honra Prata as xogadoras están a sorprende con moita efectividade na pista o que se reflicte nos resultados. Son cuartas, con catorce puntos e un partido menos disputado. O presidente da SAR, Aurelio Krook, confía en poder rematar na cabeza da clasificación malia que recoñece que non é un reto nada sinxelo dada a competitividade que amosan os equipos este ano.


Na Primeira Nacional Masculina, as dez primeiras xornadas están facéndoselle costa arriba aos xogadores da SAR. Krook fai fincapé na renovación da maior parte dos xogadores, moitos deles moi novos, da canteira, e sen experiencia na categoría. Malia todo confía en que a racha cambie logo da importante vitoria que conseguían a pasada semana na casa fronte a un dos seus rivais directos, o Teucro.


Pero esta fin de semana non o terán nada sinxelo nin o grupo masculino nin feminino. As mozas da SAR viaxan a Palencia, un partido que de non ser polo desprazamento e o feito de que haberá algunha baixa entre as xogadoras, serían as favoritas, xa que o Palencia é o penúltimo da categoría, con cinco puntos. Os xogadores da Sar terán un duro rival, o cuarto do grupo, o Octavio, que nesta liga presentan un equipo moi forte que está a loitar polo liderado.


Tamén partido esta fin de semana do Cíes Chapela, na División de Honra Prata. Logo da derrota da pasada xornada, ocupan a décima posición con seis puntos e o domingo reciben na bomboneira de Chapela (12.30) ao Sierio, un posto por baixo das locais e empatados a puntos. Mentres o Rodosa Chapela parte esta xornada como favorito xa que xoga na casa e co pechacancelas da Primeira Nacional, o Rosaeiro. O partido disputarase o sábado, ás 18.30 horas

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: