www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Setembro de 2018

Chapela e Teis convocan unha concentración para esixir a eliminación da peaxe en Rande
Sociedade • 16/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A protesta terá lugar ás 19:30 horas do venres nas Torres de Padín en Chapela e ademais de reclamar a gratuidade da peaxe reivindica que se coloquen pantallas acústicas para diminuír o ruído que padecen os veciños destas dúas parroquias. O lugar elixido non é arbitrario, xa que dende as Asociacións de veciños entenden que debería ser alí onde se abrise un acceso que permitise aos condutores acceder a autoestrada.


Un veciño de Redondela que empregue a AP-9 para achegarse a Vigo ten que abonar 0,90 céntimos. Un agravio evidente se o comparamos con calquera condutor que empregue esta autoestrada para ir ao Morrazo, traxecto que dende hai anos é gratuíto para os usuarios. E un agravio aínda maior se temos en conta que esta é a única circunvalación con peaxe en toda Galicia. Este é un dos motivos que leva ás asociación de veciños de Chapela e Teis a convocar mañá unha concentración diante das Torres de Padín ás 19:30 horas.


Ter que pagar a peaxe afecta a todos os condutores que empregan este tramo de autoestrada pero conleva tamén que o número de vehículos que se desprazan por estrada sexa moi elevado para evitar ter que pagar ese canon.


Con todo, dende a Asociación de Chapela o seu presidente, Marcial Pérez, lembra que non é este o único motivo para mobilizarse e fai fincapé no feito de que Chapela, parroquia que sufre no seu territorio o paso da autoestrada, non se pode beneficiar do seu uso xa que carecen dun acceso a AP-9. Por ese motivo reclaman que se habiliten novas conexións coa apertura dun acceso de entrada e saída nas Torres de Padín.


Outras reclamacións dos veciños pasan porque as compromisos de Audasa sexan unha realidade no que se refire á colocación de pantallas acústicas ou asfalto absorbente do ruído "as obras están a piques de rematar, o terceiro carril está practicamente finalizado e sen embargo todas as promesas polo de agora non se concretaron", explica Marcial Pérez. Neste sentido apunta que o acceso a Trasmañó segue sen a prometida mellora e do novo colexio Igrexa en Cidadelle aínda non está colocada nin a primeira pedra.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: