Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Rifirrafe no parlamento a conta da exposición do Colectivo Republicano retirada polo PP
Política • 15/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A retirada da exposición "Criminalización do pensamento" organizada polo Colectivo Republicano chegou ao Parlamento da man do BNG quen considera que esta decisión do goberno redondelán "é un síntoma máis da involución democrática que se vive no conxunto do Estado español que ven de atrás, pero que se ten agudizado nos últimos meses". O popular Alberto Pazos defendeu o proceder do Concello porque a mostra "atentaba contra un corpo como o da policía que debe ser respectado e porque no caso de mantela podíase incorrer nun delicto fomento do odio".


A deputada nacionalista Olalla Rodil cualificou de "sectario" o comportamento do Goberno local censurando unha exposición que recollía imaxes das mobilizacións sociais en 1987 así como doutras protestas posteriores baixo o título Criminalización do pensamento.


"O BNG considera inadmisible estes feitos porque atentan contra a liberdade de expresión e de pensamento, contra a liberdade de calquera persoa a facer pública a súa valoración sobre determinados feitos", indicou Rodil, "o que lle molestou á policía foron as imaxes de cargas acompañadas de textos que denunciaban que, a día de hoxe, seguen dándose esas cargas policiais", salientou a deputada.


Para a parlamentaria nacionalista, esta censura é un exemplo máis de "involución democrática e da vulneración constante e cada vez máis evidente dos dereitos da poboación".


Afirmación que o popular Alberto Pazos rexeitou alegando que "dende o Concello de Redondela en ningún caso se exerceu censura xa que a decisión de retirar esta exposición respondeu por unha banda a que a mostra tiña un contido ofensivo que atentaba contra un corpo que presta un servizo exemplar no concello" e tamén porque segundo dixo "no caso de mantela o concello podía incorrer na comisión dun delito de fomento de odio".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: