www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Redondela acolle os cursos de monitor de fútbol sala
Deporte • 15/11/2017
Autor: Lorena Otero

Comezará o próximo 23 de novembro e correspóndese coa titulación básica para converterse en adestrador desta disciplina deportiva. O curso terá unha duración de 65 horas para aqueles que queiran obter o seu primeiro título e rebaixarase o número de horas para aos adestradores de fútbol e aos monitores xa titulares. O prazo de inscrición está xa aberto e pódese realizar na páxina web da Federación Galega de Fútbol (www.futgal.es). O custe do curso é de 150 euros.


Redondela é un dos lugares escollidos pola Escola Galega de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol para pór en marcha os curso de formación de técnicos para a especialidade de Fútbol Sala. O obxectivo é contar con persoas formadas e tituladas en todos os clubs, para que poidan ensinar e transmitir valores aos rapaces.


Poden asistir a este curso persoas que queiran obter o seu primeiro título e que deberán cursar as 65 horas das que consta o curso, adestradores de fútbol interesados en ampliar os seus coñecementos, que só terán que cursar o bloque específico de fútbol sala e os monitores titulados con anterioridade á integración do fútbol sala na RFGF, deberán asistir a 30 horas como actualización e neste caso será de balde. O director da Escola de Adestradores, Manu Mosquera, subliñaba que ademais de coñecementos técnicos tamén se formará en valores.


Durante a presentación do curso, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, facía fincape en que coa integración do fútbol sala na estrutura federativa despois de 30 anos, a organización destes cursos pretende dar resposta á aposta da Federación por esta modalidade e pola formación dos técnicos. "Temos unha máxima, apuntaba, que en todos os bancos haxa polo menos unha persoa cunha titulación básica". Na súa intervención, Louzán adiantaba que Redondela podería ser a sede dalgunha das tres fases dos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas de fútbol sala feminino que foron outorgadas á RFGF (fase previa sub-21 e fases únicas sub-17 e infantil).


Até o momento, 500 persoas xa formalizaron a inscrición en toda Galicia para iniciar estes cursos federativos. Ademais de en Redondela, a finais do mes de novembro tamén comezarán na Coruña e Vigo e en decembro, en Lugo

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: