www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 22 de Novembro de 2017

Xornadas de promoción da igualdade entre os escolares de Soutomaior
Política • 14/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Soutomaior, a través do seu Centro de Información á Muller (CIM), e co apoio da Deputación de Pontevedra, organiza durante todo o mes de novembro o programa "E ti...que fas pola igualdade?".Unha iniciativa que pretende fomentar a igualdade de xénero entre os escolares do municipio e que chegará a alumnos de todos os cursos, desde 1º de primaria ata 4º da ESO.


Mediante sesións de 100 minutos por curso, a iniciativa busca concienciar aos alumnos en materia de igualdade, analizando como adquiren os roles e estereotipos de xénero e o papel que para a súa infancia xogan as persoas adultas da súa contorna, principalmente os modelos e referentes familiares.


Cada sesión contará cunha primeira parte de sensibilización e formación inicial na que se analizarán os estereotipos de xénero, modelos de convivencia que fomentan a desigualdade e conceptos como o sexismo. A continuación, realizaranse grupos de traballo nos que os alumnos elaborarán mensaxes e reflexións nas que plasmarán que é o que eles fan pola igualdade. Ao final de cada sesión os alumnos realizarán unha pequena peza audiovisual.


"A idea fundamental é atallar o problema da desigualdade mediante a educación durante a infancia, que é cando se conforman os roles de xénero e establécense as bases das relacións", explicou a concelleira da Muller Cristina González durante a presentación, que engadiu que "estes programas son moi efectivos, porque se aplican no momento xusto e da forma adecuada".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: