www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 22 de Novembro de 2017

O Choco faise forte na casa
Deporte • 13/11/2017
Autor: Lorena Otero

Os de Marcos Montes volven gañar en Santa Mariña fronte ao Laracha por dous a cero. Cumpríronse as previsións e o Choco impúxose ao décimo quinto da categoría, nun partido marcado por unha entrada dos visitantes que lle permitiría aos redondeláns abrir o marcador no minuto 35 da primeira parte. A próxima fin de semana visitan o campo do Villalbés, que conta cun punto menos que os locais e son sétimos.


Cun xogador menos o Laracha xa non foi que de empatar o partido. Antes de rematar o primeiro tempo, o Choco xa gañaban por dous a cero. Os encargados de materializar a vitoria dos locais foron Gabi Misa, que executou o penalti e Óscar “Chiqui”. Así o conxunto que dirixe Marcos Montes leva oito xornadas sen coñecer a derrota o que os sitúa como quintos da categoría, empatados a 27 puntos co Boiro.


 


SEGUNDA AUTONÓMICA


Salvaterra -Choco B (2-1)


O filial do Choco cae até a cuarta posición logo de sumar una nova derrota fronte ao Salvaterra. Malia xogar fóra da casa, os redondeláns partían como favoritos nese encontro no que se enfrontaron ao décimo da clasificación. Pero os do Condado amosáronse superiores e maila que o Choco B tivo ocasión de empatar, o gol non chegou. Derrota que os deixa no cuarto posto con 22 puntos ao igual que o terceiro o Tomiño. A próxima semana parten coa vantaxe de xogar na casa, en Santa Mariña, pero tampouco o terán nada sinxelo xa que se medirán co sexto, o Pontellas.


Arcade-Caldas (1-1)


Reparto de puntos esta fin de semana no Salgueirón. O Arcade tiña esta xornada a oportunidade de incrementar distancia co seu rival directo, o Caldas, segundo da categoría e co que continúa empatado a 26 puntos. Esta semana os de Soutomaior prepararán a visita á casa do Cerponzóns, que non está tendo moita fortuna nesta primeira parte da liga e é cuarto pola cola.


TERCEIRA AUTONÓMICA


Chapela-Casablanca (0-2)


O Chapela cae até a sétima posición logo de perder este domingo na Parada. Malia que partían como favoritos, o partido complicóuselle aos redondeláns que non foron quen de imporse a un Casablanca que non tivo dificultade para chegar á portería dos locais. Unha derrota que deixa aos chapeláns no sétimo posto con 18 puntos, empatado co sexto o Lavadores. O próximo domingo, xogaran novamente na casa fronte ao Moledo, cuarto pola cola e que nas dez xornadas disputadas só gañou dous partidos.


Cesantes-Santomé (4-0)


Festa de goles este domingo no campo da Gándara. O Cesantes impúñase ao noveno do grupo por catro a cero. Tres puntos que lles permiten continuar entre os tres primeiros do grupo 12 da Terceira Autonómica. Os xogadores do Cesantes están a tan só un punto do segundo, o Bueu que suma 16 e a tres do líder, o Poio. A próxima semana o Cesantes visita o campo do Estrella Dorada, oitavo do grupo.


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: