www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 22 de Novembro de 2017

Luz verde á construción dunha pasarela peonil na ponte de Pasais
Institucional • 10/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Esta actuación suporá un investimento da Xunta de máis de 133.000 euros, prevéndose a licitación das obras para as vindeiras semanas. Os traballos proxectados permitirán completar un itinerario peonil continuo no centro urbano urbano de Redondela, que actualmente se atopa interrompido á altura da ponte de Pasais (Ponte de Xulián) pola marxe dereita. Esta iniciativa prevé o acondicionamento do entorno do Peto de Ánimas para a súa posta en valor. A infraestrutura levarase a cabo na marxe dereita da estrada e contará cun ancho de polo menos 2 metros, facendo posible a circulación de peóns e ciclistas.


O Consello da Xunta aprobou o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dunha senda na marxe dereita da estrada PO-250, concretamente á altura da coñecida como ponte de Xulián. Esta actuación, para o que só e necesario expropiar unha finca, será licitada nas vindeiras semanas e suporá un investimento da Administración autonómica de algo máis de 133.000 euros.


As obras proxectadas permitirán completar un itinerario peonil continuo no tramo urbano de Redondela, que actualmente se atopa interrompido á altura desta ponte pola marxe dereita, ademais de poñer en valor o cruceiro do Peto de Ánimas de Pasais.


Para elo, construirase unha pequena pasarela metálica acaroada á ponte existente sobre o rego Alvedosa. Esta infraestrutura levarase a cabo na marxe dereita da obra de paso e contará cun ancho mínimo de 2 metros, polo que permitirá a circulación de peóns e ciclistas en condicións seguras.


Ademais, prevese o acondicionamento da contorna do peto de ánimas de Pasais, situado ao carón da estrutura actual, mediante o recheo e pavimentación con lousa de granito do contorno. Desta forma conseguirase unha zona transitable ao redor deste elemento patrimonial de interese.


As obras previstas comprenden tamén a reposición de firmes, pavimentos e paso de peóns, a drenaxe da senda peonil para evitar na base do cruceiro posibles empozamentos de auga, a sinalización, balizamento e defensas e a reposición dos servizos afectados. Ademais da instalación de iluminación na senda peonil e no cruceiro.


Con esta actuación complétase a obra de reforma da ponte de Pasais iniciada no 2015 pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda mediante unhas obras de ampliación de estrutura e beirarrúa, nas que se investiron case 167.000 euros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: