www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

Centos de veciños esixen solucións aos problemas da sanidade pública de Soutomaior
Política • 30/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Máis de trescentos veciños de Soutomaior manifestáronse na mañá de onte na alameda de Talo Río para demandar melloras para a sanidade pública do municipio.  A concentración foi convocada polo BNG de Soutomaior e estivo apoiada pola plataforma SOS Sanidade Pública e polo sindicato CIG Saúde.


A concentración convocouse en resposta aos problemas que está a sufrir os centros de saúde do municipio e que afectan aos usuarios da sanidade pública de Arcade e Soutomaior. Problemas que se concretan en esperas de varias horas, no ausencia de médicos e pediatras por non cubrir o SERGAS as baixas ou as vacacións ou no colapso constante do servizo de atención primaria ou nos retrasos de varios días nas citas.


A situación chegou ao límite, segundo denuncian os convocantes, a semana pasada ao quedar sen ningún médico o centro de saúde xa que o único facultativo que había tivo que marchar a unha urxencia.


Na concentración celebrada na mañá do domingo na alameda de Talo Río os veciños  de Soutomaior corearon consignas como "As solucións non se gardan nos caixóns" ou "Escoite conselleiro a saúde é o primeiro".


No acto estiveron presentes ademais dos representantes da CIG saúde Xermán Rouco e Fernando Herrero e Anxo Ricón por SOS Sanidade Publica; o deputado do BNg no parlamento Galego, Luís Bará.


O portavoz da plataforma SOS sanidade pública tomou a palabra para expresar a situación que se está a vivir no concello poñendo de manifesto que non era de recibo que un concello como Soutomaior con 7400 veciños teña menos médicos que outros concellos veciños de menor tamaño. Anxo Ricón tamén sinalou que o feito de que un médico de Arcade tivese que atender ata a 65 pacientes cada día incidía directamente na calidade do servizo, e quixo agradecer o esforzo dos profesionais para que a situación non sexa aínda peor.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: