www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Sargadelos xa luce en Redondela
Cultura • 30/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A colección doada por Adriano Marques de Magallanes está composta por "150 pezas de gran valor social, económico, histórico e sentimental" en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo quen acudiu á inauguración da mostra acompañado de numerosas persoas do ámbito da política e a cultura. A exposición quedará de xeito permanente nunha sala acondicionada para tal fin no edificio do albergue de peregrinos polo historiador Xurxo Constela.


Os visitantes que se acheguen á Casa da Torre atoparán unha mostra con pezas de gran valor histórico, cultural, social e económico, dunha firma que se configura como un selo de identidade e de construción cultural relevante para Galicia. Así o explicaba o presidente da Xunta nun emotivo acto celebrado no Multiúsos da Xunqueira e que serviu para presentar a exposición conformada por 150 pezas de Sargadelos doada polo exsenador e cónsul da República de Ecuador en Galicia, Adriano Marques de Magallanes.


Unha doazón "exemplo de xenerosidade" en palabras do alcalde Javier Bas quen afirmou que a elección do seu emprazamento na Casa da Torre responde á necesidade de buscar un espazo que estivese acorde coa importancia da exposición, un edificio do século XIII que será visitado polos veciños de Redondela pero tamén por centos de visitantes que pasan polo noso concello Camiño de Santiago e que coñecerán esta cerámica representativa da cultura galega.


Unhas colección que Marques de Magallanes decidiu doar ao concello como xesto de agradecemento a vila de Redondela "polo cariño que sempre profesou á miña familia".


Un acto que contou tamén coa presenza do director do museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle quen salientaba a relevancia da colección "por número de pezas pero tamén pola súas características que permite seguir a evolución de Sargadelos dende os seus inicios. "Un agasallo que aparella tamén un compromiso, porque será responsabilidade do concello saber potenciar este patrimonio".


Núñez Feijoo destacou tamén a relevancia da colección na que se inclúen "xoias como os pratos decorados con motivos de El Quijote ou unha serie de cerámicas brancas da primeira etapa de Sargadelos con máis de 200 anos de antigüidade".


Así mesmo, lembrou que en Sargadelos atopamos, tamén, "o xerme" da Galicia industrial. "Probablemente moitos consideraban imposible que unha fábrica así se puxese en marcha na Galicia do século XIX", dixo, ao que engadiu que ese complexo industrial, que foi declarado Conxunto Histórico Artístico, é un símbolo da Galicia emprendedora.


Nesta liña, Feijóo afirmou que os visitantes que se acheguen á Casa da Torre atoparán unha mostra permanente con pezas de gran valor que será referente nas guías cando falen de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: