www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 15 de Novembro de 2018

Comezan os traballos de recuperación do monte de Ventosela
Institucional • 26/10/2017
Autor: Lorena Otero

Ventosela xunto a Reboreda foron as dúas zonas máis afectadas polos lumes do 15 de outubro. Os técnicos da Xunta traballan no monte Espiño para avaliar os danos causados e tomar as medidas oportunas para evitar que as cinzas cheguen aos acuíferos e a rede de captación de auga. Dende a Xunta recoñecen que Redondela é un dos puntos de maior risco pola pendente do terreo queimado o que podería afectar aos bancos marisqueiros pero aseguran que as análises non detectaron até o momento ningunha vertedura na ría ni ríos da zona.


Os técnicos do Centro de Investigación de Lourizán están a traballar na recuperación do monte Espiño, na parroquia de Ventosela, zona que quedou arrasada polos incendios, con preto de 200 hectáreas queimadas. Alí avalían o grao de severidade do lume no terreo o que condicionará as medidas a desenvolver para a súa recuperación. Só naqueles lugares onde a afección sexa maior será necesaria unha actuación no resto das zonas será a propia autorexeneración da vexetación a que se encargue de recuperar o espazo. Un xeito novidoso de actuación nas zonas críticas que se está a desenvolver só en Galicia dentro de todo o Estado, segundo explicaba a científica do centro de Lourizán, Cristina Fernández.


O obxectivo destes traballos é evitar a erosión do terreo e que as cinzas non se filtren aos acuíferos o que podería afectar aos bancos marisqueiros de Redondela e Soutomaior. A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, recoñecía que Ventosela é un dos puntos críticos dada a pendente do terreo que axudaría a esa filtración. Malia todo, Quintana asegurou que as últimas análises no detectaron ningunha vertedura nos bancos marisqueiros e se manteñen os controis dende o luns, 16 de outubro, cando se activou o Plan de Loita Contra a Contaminación Mariña.


Nesta primeira fase estase a analizar o terreo para comprobar o grao de afección, despois delimitarase o espazo e poñeranse en marcha técnicas como o mulching, consistente en cubrir con palla os terreos queimados para impedir unha maior erosión, ou a disposición de mallas nas masas de augas próximas aos incendios. Traballos que, como facía fincapé a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, deben desenvolverse dun xeito coordinado e baixo a dirección dos técnicos xa que doutro xeito poden ser contraproducentes. Dende o goberno galego e os técnicos que traballan sobre o terreo fan un chamamento á prudencia e din que é preciso tempo para analizar que técnicas son as máis adecuadas para que os traballos sexan o máis eficaces e fiables posibles.


Reboreda queda sen máis de 400 hectáreas de monte


Malia todo a zona máis afectada no concello de Redondela foi a parroquia de Reboreda, onde a totalidade do monte comunal quedou reducido a cinzas, 208 hectáreas, ás que hai que sumarlle outras duascentas de monte pertencente a particulares. Alí os traballos comezarán as próximas semanas coa corta dos árbores queimados, piñeiros e eucaliptos na súa maior parte. Dende a Comunidade de Montes culpan a falta de limpeza dos montes particulares da imposibilidade de frear o lume e anuncian que porán en marcha un sistema de cortalumes natural, coa plantación de frondosas, xa que foron as únicas que se salvaron dos incendios de hai quince días.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: