www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Setembro de 2018

Medio Ambiente reúnese coas Comunidades para planificar unha actuación conxunta no monte
Política • 23/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Alertan do efectos contraproducentes que provocan accións non planificadas e sen o oportuno asesoramento dos profesionais do sector. Por este motivo fan un chamamento á prudencia para evitar males maiores como a aceleración da erosión do terreo, a propagación de invasoras ou mesmo o perigo de sufrir algún accidente dada a inestabilidade da zona logo do lume. Co obxecto de poñer en marcha un plan de acción conxunto manterán unha reunión este martes coas Comunidades de Montes e esta mesma tarde coa Consellería de Medio Rural.


Dende o Concello de Redondela, logo da cantidade de consultas feitas sobre a eficacia das propostas que xorden ultimamente nas redes sociais para paliar os danos producidos polos incendios fan así un chamamento á cautela para evitar que se leven a cabo acción no monte que non estean axeitadamente coordinadas.


Explican que a implicación cidadá está sendo extraordinaria ante este atentado contra os montes pero que "as boas intencións poden levar consigo efectos contraproducentes ante un solo altamente vulnerable". Por iso dende o concello pídese que, antes de actuar sen coñecer as posibles consecuencias, as persoas que se dispoñan a colaborar pidan asesoramento ben nas comunidades de montes, no distrito forestal ou no propio concello.


Insisten en que neste período inicial de recuperación é fundamental pisar o menos posible o terreo queimado xa que así evitaremos acelerar aínda máis a erosión do solo. Tampouco é moi recomendable espallar sementes sen garantías dado o perigo de favorecer a propagación de especies como, mimosas, acacias negras, plumeiros da Pampa, grama americana..., especies invasoras que nalgún momento do pasado introducíronse sen saber as graves consecuencias medioambientais que provocaban.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: