www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

Charo Martínez, a mariscadora redondelá promesa da canción galega
Cultura • 20/10/2017
Autor: Lorena Otero

A súa profesión está no mar pero a súa paixón e a música. A veciña de Cesantes foi unha das elixidas para concursar no “Recantos” do programa televisivo Luar. A súa posta en escena será o tres de novembro. A música acompaña a Charo Martínez dende moi pequena e en todas as facetas da súa vida, na casa mentres marisquea na praia de Cesantes ou en ceas e reunións de amigos. Non ten formación musical nin experiencia riba do escenario pero a súa voz fixo que fose escollida para participar na oitava edición do concurso Recantos da TVG, unha aposta do programa “Lúar” pola música e os novos talentos galegos.


Charo terá que competir con outros vinte participantes chegados de toda Galicia que terán que interpretar unha canción elixida polo programa en galego. Se puidese escoller, non ten dúbida, sería unha copla ou unha ranchera, os estilos polos que sempre se decantou pero non lle teme a ningún estilo. A redondelá recoñece que nunca pensou chegar até aquí e aínda que sabe que é un reto difícil porque terá que medirse con outros concursantes, que na maior parte dos casos teñen xa experiencia neste ámbito e cantando nun escenario, di que fará todo o posible para deixar a Redondela e comarca nunha boa posición. Para iso lembra, é fundamental o apoio da xente, porén anima a todos a chamar e votar, para que o nome de Redondela se escoite en toda Galicia.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: