Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

O Chapela traballa na cohesión para afianzar o proxecto desta tempada
Deporte • 20/10/2017
Autor: Lorena Otero

O Chapela traballa na cohesión para afianzar o proxecto desta tempada. Co 85 % dos xogadores renovados o Chapela encara este comezo de liga. Polo momento os resultados están a avalar o novo proxecto da entidade con tres vitorias e dúas derrotas. Dende a dirección técnica, Diego Gil, recoñece que ao conxunto aínda lle falta cohesión, o que fixo que os resultados non fosen mellores até o momento, ao que hai que sumarlle as numerosas lesións de comezo de liga. O domingo visitan o campo dun rival directo, o Gondomar.


Gil engade ademais, que os partidos na casa se lles están a facer costa arriba, así o demostra a derrota deste domingo fronte ao Balaídos, co que perdía por cero a dous, pero confía en que a situación mude co esforzo que están a facer os xogadores.


O Chapela visita a un dos equipos fortes da categoría e tamén rival directo, o Gondomar, co que están empatados a doce puntos. O Gondomar avantaxa en dúas posicións aos locais, que son quintos. Esta tempada está a ser moi competitiva e os chapeláns non poden perder de vista ao Matamá, Lavadores e Gondomar, que encabezan a clasificación. O partido celebrarase no campo das Cercas, en Gondomar, o domingo ás 18.00 horas.


Arenteiro-Choco


Logo da vitoria da pasada semana en Santa Mariña fronte ao Villalonga (3-0) este domingo os xogadores de Jacobo Montes tentarán sumar unha vitoria máis ás tres que suman até o momento no campo do Arenteiro, os quintos do grupo. Logo dos tres puntos sumados o pasado domingo son décimo terceiros con doce puntos. Os xogadores saltarán ao terreo do Municipal Espiñedo no Carballiño o domingo ás 17.00 horas.


Choco B- Tebra


Os locais tentarán sumar os tres puntos desta xornada e así loitar novamente polo liderado. Son terceiros con dezaoito puntos e a tan só un de diferenza co primeiro e o segundo, o Castrelos e o Tyde. Esta xornada reciben ao Tebra, que é sexto e tentarán resarcirse da derrota da pasada semana fronte ao Castrelos. O encontro disputarase o domingo, ás 17.00 horas, no campo de Santa Mariña.


Cesantes-Salcedo


O Cesantes encara esta xornada co impulso dos tres puntos sumados o pasado domingo fronte ao Caroi (1-3). Este domingo reciben ao Salcedo que aínda non sabe o que é a vitoria nesta tempada. Son décimos mentres que os xogadores de Cesantes sitúanse na primeira metade da táboa, son quintos con seis puntos. O partido celebrarase o domingo, ás 16.30 horas, no campo da Gándara.


Cotobade-Soutomaior


Logo de perder a pasada semana fronte ao líder, o Poio, os xogadores de Soutomaior visitan este domingo o campo do Cotobade, que non está a ter moita sorte neste comezo ligueiro. Polo momento só suman un punto mentres que o Soutomaior é sexto con seis puntos. O partido disputarase no campo das Extremas, o domingo ás 17.00 horas.


Arcade-Mosteiro


Os xogadores de Arcade continúan á cabeza da categoría, son segundos, a tan só dous puntos do líder, o Caldas e coa ollada posta no ascenso. Este domingo xogan na casa fronte ao Mosteiro que é quinto. O partido disputarase o domingo, ás 16.30 horas, no campo do Salgueirón.


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: