www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

AER critica o atraso na posta en marcha da nova páxina web do Concello
Política • 19/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Explican que se contratou a renovación da web municipal en decembro do ano pasado por un importe de 7.737,95€ e que malia o portal xa estaría deseñado falta dótalo de contidos para que poida substituír ao anterior. Responsabilizan do atraso ao goberno local que mantén un páxina pouco operativa e con contidos desactualizados.


O mes de setembro era o mes anunciado polo goberno local para a presentación da nova web do Concello de Redondela, segundo explican dende AER. Malia que esta formación ten constancia de que a estrutura está deseñada e implementada, "na actualidade o goberno local non foi quen de dotar de contidos actualizados e diversos ao portal web para que este poida xa substituír ao anterior". En definitiva, os responsables políticos de cada unha das concellarías que deben aportar información para alimentar esta web non o están facendo, o que amosa ao seu entender "unha gran falla de coordinación interna do goberno local por parte do alcalde ao non establecer directrices claras de traballo aos seus concelleiros".


Unha situación que se traduce en que "sigamos cunha web pouco operativa, aínda menos atractiva e desactualizada, como é o caso do apartado de turismo que durante todo o verán non axudou practicamente en nada aos visitantes que se achegaban a Redondela a coñecer os recursos turísticos actuais e amosando programas e eventos de hai 4 ou 5 anos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: