www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Outubro de 2018

O Concello de Pazos realoxa a unha familia que perdeu a súa vivenda polo lume
Sucesos • 18/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A familia, composta por unha parella e un bebé de pouca idade, xa abandonara a casa o domingo pola tarde ante a ameaza dun lume que acabaría cercando e afectando seriamente o inmoble, que perdeu completamente a cuberta e conta con numerosos danos. Dende o concello traballan tamén na reparación doutros danos provocados polos lumes como a fixación de muros que se poidan desprender ou a recuperación do subministro de auga corrente ao centro escolar Curros Enriquez.


A familia cuxa vivenda foi derruída parcialmente polo lume foi realoxada nun hostal de Redondela polos Servizos Sociais do municipio e ofrecéuselle espazo para gardar os seus aveños persoais ata que atopen unha nova vivenda así como vales para adquirir alimentos e produtos básicos. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igrexas visitou a vivenda xunto aos técnicos municipais que revisaron a estrutura do inmoble.


Primeiros traballos de recuperación


Unha vez a ameaza do lume pasou e todos os focos déronse por extinguidos, o Concello de Pazos de Borbén traballa na valoración dos danos e iniciou os traballos de recuperación máis urxentes, como restaurar a subministración de auga corrente ao centro escolar Curros Enríquez ou a fixación de muros e elementos danados polo lume que se poidan desprender máis adiante por acción do vento ou a choiva.


Do mesmo xeito, técnicos municipais revisaron os arredores da rede de estradas do municipio para asegurarse que non había resto de árbores que puidesen desprenderse co vento comprometendo a seguridade viaria.  


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: