www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 20 de Outubro de 2017

Rande celebrará a conmemoración da Batalla con ou sen fondos do Concello
Cultura • 11/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación Cultural de Rande, organizadora do evento, lamenta que a menos de 15 días para a celebración dunha cita que congrega a centos de persoas e que este ano amplía a súa programación a tres días, con actividades na praia de Cesantes, na Casa da Cultura de Redondela e no Meirande, se lles comunique que non hai cartos para a súa organización "cando o alcalde Javier Bas comprometeuse con nós persoalmente a axudarnos economicamente aló menos coa mesma cantidade que o ano pasado". Un revés que non impedirá que se celebre o evento no que xa están a traballar ducias de veciños.


"A festa vai manterse" así de rotundo maniféstase Juan José Comesaña da Asociación Cultural de Rande logo dunha xuntanza celebrada nas últimas horas cos membros da asociación e o resto de veciños que están a traballar no evento. "Aínda que nos quedemos sen cartos seguiremos co programa porque non podemos defraudar aos veciños nin tampouco deixar de facer un evento que chega xa a súa IV edición".


Iso si, lamenta Comesaña que a tan só 15 días da celebración da Batalla o concello lles comunique que non ten partida orzamentaria para colaborar coa actividade cando "nunha reunión mantida co alcalde a principios de ano comprometeuse a achegarnos unha cantidade cando menos igual á do ano pasado". O motivo sería que "os fondos destinados a financiar esta actividade no Meirande foron desviados para outro lado".


Unha dificultade que tentarán compensar facendo axustes no programa pero sen eliminar nada. Así, mantense a mesa redonda en torno á investigación da batalla prevista para o xoves 19 na Casa da Cultura, tamén o desembarco na praia de Cesantes a partir das 20:00 horas do venres e o sábado día 21 o programa previsto para o Meirande con xornada de portas abertas, concentración de embarcacións tradicionais e teatralización da Batalla.


Reacción da oposición


E mentres o goberno local culpa á oposición de impedirlles traspasar cartos dunhas partidas a outras para así poder dotar de fondos á Concellería de Cultura, que a súa vez sería quen sufragase parte das actividades da vindeira fin de semana no Meirande, a oposición fala dunha mala xestión por parte dos populares.


O PSOE apunta como un dos posibles motivos da falta de orzamento "a contratación externa dunha persoa afín ao PP para o Museo de Meirande" e dende AER critican "a falta de planificación por parte do goberno local, o PP culpa á oposición por non admitir ás súas modificacións de crédito tentando mover recursos para salvar a súa mala xestión e  os gastos excesivos en determinadas programacións", nomeadamente no entroido de verán.


Dende o BNG "a proposta de modificar 130.000€, vía plenaria, para cubrir áreas económicas esgotadas ao longo do ano, agocha a deficiente xestión dos cartos públicos por parte do goberno municipal" e acusan ao PP de "trato discriminatorio coa Batalla de Rande xa que noutros eventos de similares características o concello aparece como organizador e corre cos gastos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: