www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Decembro de 2017

Arcade confirma a súa baixa na Asociación de Mariscadores pola falta de investimentos
Sociedade • 10/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A patroa maior de Arcade, Rita Míguez explica que malia achegar o 4% dos seus ingresos a esta Asociación de Mariscadores de a flote que preside Clemente Bastos, eses cartos non se están a traducir en melloras nos bancos marisqueiros. Por ese motivo prefiren deixar o colectivo e destinar ese investimento a actuacións que entenden serán máis beneficiosas para os intereses dos seus mariscadores.


Era unha marcha xa anunciada que se producirá de xeito efectivo no vindeiro mes de novembro, atendendo aos prazos establecidos. O motivo é, segundo explica Rita Míguez "que a Asociación non está a levar a cabo as acción recollidas no plan de explotación como é sementar os bancos que se están explotando". Unha situación que obrigaba a propia confraría de Arcade a realizar ese traballo de semente imprescindible para que os bancos segan a ser produtivos malia ser un dos pósitos que máis achega económica facía a Asociación.


Entenden que ese 4% do seus recursos non están a repercutir en beneficio dos socios da Confraría que tiñan que investir 30.000 euros máis en sementar.


Míguez lamenta en parte deixar a asociación "porque pensamos que a unión fai a forza" pero engade que a situación actual lles obriga a tomar esta decisión "os nosos asociados entende que non se está a dar resposta ás súas necesidades así que tes que saír si ou si".


Sobre o plan de explotación que se está a negociar actualmente entende que poderán presentar á Xunta unha única proposta, unha vez que se chegou a un acordo de incluír as súas demandas. Entre as máis importantes recolle Rita Míguez que se elimina o concepto de zona de inverno e zona de verán o que permitirá traballar nos bancos atendendo as necesidades de produción.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: