www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Decembro de 2017

San Simón prepárase para acoller o obradoiro poético "Con barqueira e remador"
Cultura • 9/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Seis poetas procedentes de diferentes puntos de Europa, pero tamén de China e o Brasil serán os protagonistas deste evento cultural coordinado pola poeta galega Yolanda Castaño. Ademais do traballo de tradución que os participantes realizarán na Illa do 16 ao 21 de outubro, o obradoiro complétase con citas poéticas en Vigo, Pontevedra e Redondela, cuxa Casa da Cultura acollerá o venres 20 ás 20:00 horas un recital multilingüe.


A Illa de San Simón volverá ser escenario do obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con Barqueira e remador". Nesta sexta edición os poetas convidados, son a brasileira de orixes italianas, Francesca Cricelli, a finesa Rita Dahl, Hu Xudong procedente de China e o croata Tomica Bajsic. Tamén representación das letras asturianas con Antón García e o galego Estevo Creus.


Dende o 16 ao 22 de outubro convivirán na Illa compartindo os seus textos e traducindo aos seu propio idioma os versos dos seus compañeiros. Como novidade desta edición salientaba a coordinadora do taller, Yolanda Castaño, que a lingua vehicular e que permitirá a comunicación entre todos os participantes será o portugués. "A lingua ponte que empregamos nestes 5 anos foi o inglés pero o noso obxectivo era chegar a empregar outro idioma salto que damos nesta edición coa nosa lingua irmá, o portugués".


No acto de presentación estivo presente o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, a poeta  e a directora do instituto Camões Carla Sofía. En representación do Concello de Redondela asistiron ao acto a edil de cultura Teresa París e o alcalde Javier Bas, quen salientou o implicación das diversas administración "un exemplo de colaboración en proxectos que nos unen".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: