www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

15 desempregados fórmanse no obradoiro "Redemprega"
Institucional • 4/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Os alumnos formaranse nas especialidades de pintura decorativa e deseño gráfico durante 6 meses dentro do "Redemprega", un dos seis obradoiros específicos para menores de 30 anos concedidos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. A Administración autonómica destina a este obradoiro 140.188 euros


O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o Multiusos de Chapela para dar inicio oficial o obradoiro xuvenil que desde o pasado venres se desenvolve en Redondela. Acompañado polo alcalde Javier Bas, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e a directora do taller, comprobou de primeira a aceptación desta iniciativa entre os máis novos, tal e como lle confesaron os alumnos deste curso formativo.


Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan nesta convocatoria varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Dáse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.


Prímanse tamén os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentan unha relación co tecido empresarial do territorio. Ademais valóranse as posibilidades de inserción de cada obradoiro e a súa orixinalidade, dándose maior puntuación a aqueles con contidos innovadores, aínda que tamén se tiveron en conta os programas máis tradicionais -aqueles relacionados coa rehabilitación, mellora de espazos públicos ou atención a persoas dependentes.


Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: