www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

Unha inundación provoca danos e obriga a pechar temporalmente a Biblioteca de Arcade
Sucesos • 3/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O incidente produciuse na madrugada do sábado ao domingo e provocou danos importantes o que obrigará a ter o centro pechado ata novo aviso. A auga botou a perder decenas de libros da biblioteca municipal Luís Seoane de Soutomaior a consecuencia da rotura dunha das tubaxes de auga do edificio, situado na rúa Illas Alvedosas de Arcade. A inundación afectou sobre todo á planta baixa do arquivo municipal na que, ademais de varios libros da sección de literatura infantil, perdéronse diversos equipos informáticos, alfombras e diversos mobles e andeis.


O incidente detectouse o domingo pola mañá ao recibir o aviso por parte dos encargados dun dos locais de hostalaría que se atopan nos baixos do edificio, e que tamén se viu afectado, así como de varios veciños da zona que alertaban sobre as grandes cantidades de auga que saían do recinto. Ao acudir á biblioteca, os responsables do centro constataron que a auga alcanzaba unha altura duns 10cm, polo que procederon a avisar á comunidade de veciños do edificio para proceder ao corte da subministración.


Tras unha inspección inicial por parte de técnicos municipais e certificar a orixe da avaría, os primeiros traballos centráronse en retirar a parte danada do falso teito da biblioteca para evitar posibles danos futuros causados por desprendementos. Nos próximos días comezarase a preparar o inventario definitivo dos danos así como os primeiros traballos de reparación para acelerar o máximo posible a reapertura do centro.


A edil de Cultura de Soutomaior, Dores Cernadas, lamenta o incidente e que se produza ademais nun momento moi inoportuno " xa que precisamente agora para moitos pais as clases de apoio, así como os talleres de idiomas, que organiza a biblioteca son de gran axuda no inicio do curso escolar".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: