www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

O Choco non levanta cabeza
Deporte • 2/10/2017
Autor: Lorena Otero

Os xogadores do Noia non tiveron dificultade para dominar o partido. No minuto 24 abrían o marcador cun gol ao que non conseguiron reporse os xogadores de Jacobo Montes. Malia que acurtaron distancias no minuto 66 cun lanzamento de Ricar, os xogadores de Jaime Sánchez vencían por tres a un. Mellores resultados está obtendo o filial que continúa como líder logo de imporse ao S. Esteban por tres a un. O Chapela pola contra perdía fronte ao Sampayo.


O Noia impúxose dende o primeiro minuto e as cousas non mudarían despois da chegada do descanso, no 51 os xogadores noieses marcaría o segundo tanto, marcador que aumentaría dez minutos despois co último gol do equipo de Jaime Sánchez. O Choco conseguía acurtar distancias no minuto 66 cun tanto de Ricar. Unha derrota que deixa aos redondeláns en postos de descenso. Son penúltimos, so por diante do Noia. Esta semana preparan un partido moi complicado, reciben en Santa Mariña ao segundo da Terceira División, ao Ourense, imparable neste comezo de tempada, e que esta xornada empataba fronte ao Arenteiro.


A próxima fin de semana comeza a liga infantil na que o Choco participa con nove equipos nas categorías alevíns, benxamíns e prebenxamíns. Os que militan na segunda categoría arrancan a tempada o vindeiro sábado 7 de outubro. En total son nove os equipos de fútbol 8 que suman preto de cen rapaces. Dende a dirección da entidade destacan o seu compromiso coas categorías inferiores e poñen en valor o labor formativo que realizan os adestradores nestas categorías.


Campaña de abonos


Por outra banda, o Choco recorda que mantén aberta a campaña de abonados. Todos aqueles que sacan o carné da entidade para este ano poderán gañar unha camisola se adiviñan os anos que leva o porteiro Cortegoso no club. Para participar teñen que enviar a resposta a chocomedios@gmail.com.


Choco B- S. Esteban (3-1)


O Choco B continúa camiño ao ascenso logo da vitoria na casa fronte ao S. Esteban que o mantén como líder. Samu foi o encargado de abrir o marcador que pechaba David con dous goles que sitúan ao filial do Choco líder con doce puntos e a dous do Tedra e Tyde, segundo e terceiro. A próxima semana visitan o casa do Nigrán, décimo cuarto do grupo once da Segunda Autonómica.


Chapela Sampayo (1-2)


O Chapela non foi quen de imporse ao noveno do grupo. Derrota que deixa aos redondeláns quintos con nove puntos e xa pensando na próxima cita fóra da casa fronte ao penúltimo do grupo, o At. Vilariño que sumou esta xornada o primeiro tanto da liga logo de empatar co Berete a tres.


Nespereira – At Villar (0-5)


Derrota para os de Pazos de Borbén fronte ao At. Villar, perdían por cero a cinco o que os deixa nunha mala posición, como último de grupo e a próxima xornada non o terán nada sinxelo, visitan o campo do sexto, o Pereiro, que ademais chegará co impulso da vitoria que obtiveron esta semana na casa do Coia por cero a dous.


Arcade-Salcedo (2-2)


O Arcade suma un punto na casa logo de empatar a dous co Salcedo. Son segundos con dez puntos e a próxima semana visitan o campo do Pontecaldelas, que está afundido na parte baixa da categoría, son segundos pola cola e esta xornada perdían fronte ao Marín.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: