Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

As escolas infantís quedan sen galegofalantes en Redondela
Sociedade • 25/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Así o reflicten as enquisas lingüísticas nas escolas infantís de Redondela que indican que só un 29% das familias queren educar as súas crianzas en galego, fronte un 71% que opta polo castelán. Especialmente preocupante é o caso da escola da Marisma, no casco urbano, onde só o 15% das familias escolleron a lingua galega. Os datos desagregados apuntan un mellor dato nas escolas de Ventosela e San Pedro en Cesantes, nas que hai empate entre as dúas linguas.


O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela a través do seu técnico Xurxo Martínez amosa a súa preocupación ante estes datos negativos. Un resultado que reflicte o proceso de substitución lingüística por mor do abandono do galego.


Reverter este proceso pasa necesariamente por implementar, dende a Xunta de Galicia, políticas lingüísticas que favorezan o uso do galego en todos os ámbitos e tamén na escola. Neste sentido apunta Martínez que sería necesario facer unha revisión crítica do decreto do plurilingüismo que establece, entre outras cuestións, que a lingua vehicular en educación infantil é elixida mediante unha consulta aos pais e nais. Uns proxenitores que maioritariamente están a elixir o castelán en detrimento do galego.  


Lembra tamén que se dan situacións paradoxais como que en Galicia "haxa máis material didáctico en inglés que en galego".


Fan fincapé tamén dende o Servizo de Normalización que é necesario actuar noutras esferas máis aló do ensino "é responsabilidade de todos deter ese proceso de substitución do galego".


Como dato positivo apunta que moitos dos rapaces e rapazas que son educados en galego nos seus primeiros anos de vida, malia deixar este idioma a favor do castelán ao seren escolarizados, en moitos casos regresan ao galego a partir dos 16 anos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: