Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

A cultura urbana toma as rúas en Soutomaior
Cultura • 22/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Os afeccionados ao BMX, skate ou hip-hop teñen unha cita este domingo 24 co III Festival de Cultura Urbana organizado polo Concello de Soutomaior. Un certame que pretende fomentar as formas de expresión cultural modernas entre os máis novos e para iso encherá o Peirao de Arcade de música, baile, actividades e talleres culturais ademais de diversas demostracións e competicións deportivas de disciplinas tan novas como o parkour e o scooter.


A actividade comezará a partir das 11 da mañá cos primeiros talleres de Parkoury de personalización de gorras Trucker. Ao redor das dúas da tarde, tras confirmar todas as inscricións para as competicións, comezarán os primeiros adestramentos libres supervisados e mostras de danza. Ás catro comezarán os talleres de Skate, Grafiti e Danzas rueiras ademais da competición Arcade Jam, que inclúe os campionatos de BMX e Scooter.


Ao redor das nove da noite comezará a sesión musical, que contará coa participación de dúas DJ´s, e a demostración de Turntablism, unha forma de expresión musical que consiste en arranxar ou crear música mediante efectos de son e manipulación das rutinas de rotación e lectura dos discos de vinilo. A participación en todos os eventos é totalmente gratuíta e só é preciso rexistrarse a través da páxina web de concello de Soutomaior ata o propio día 24.


A iniciativa xurdiu de varios grupos xuvenís locais afeccionados á música e á práctica deportiva de BMX interesados en promover actividades e afeccións entre os máis novos do municipio para dar a coñecer as características da cultura urbana moderna.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: