www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

O programa do Outonoteatro achega sete espectáculos a Redondela
Cultura • 20/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Xoré Teatro será a compañía encargada de abrir a programación teatral do outono da Concellería de Cultura co espectáculo Pementerias, este sábado 23 de setembro ás 20:00 horas. Seguiranlle as propostas das compañías Educateatro, Teatro do Morcego, Butacazero, Títeres Cachirulo, Os sete magníficos e pechará a programación O soño dunha noite de verán a cargo de Teatro Agarimos. Espectáculos orientados a público adulto e infantil que se poderán ver no Multiúsos da Xunqueira a un prezo de 7 euros público en xeral, tres euros entrada reducida (agás a obras de Cachirulo cunha entrada única de tres euros).


A Concellería de Cultura retoma a súa programación teatral e faino con novidades nos presos, que se incrementan notablemente respecto de edicións anteriores. Nesta ocasión as entradas venderanse a 7 euros para o público en xeral, mentres que xubilados, desempregados e estudantes poderán adquirilas a 3 euros.  


Un total de sete compañía de teatro subiranse ao escenario do Multiúsos con espectáculos diversos orientados a público adulto e infantil.


A primeira das propostas será este mesmo sábado ás 20:00 horas con Xoré Teatro. Porán en escena Pementeiras, a historia de dúas amigas que teñen un pensamento moi diferente da realidade social na que están inmersas. Sofía, unha muller nova, que ten grandes inquietudes e ganas de loitar polo seu recoñecemento persoal e profesional anímase a participar en calquera proxecto que mellore a súa situación actual. Por outro lado, Dosinda, unha muller tradicional arraigada aos valores do patriarcado non amosa ningún interese en mellorar a súa situación social e familiar, xa que para ela as cousas sempre foron así e non deberían cambiar.


Durante o desenvolvemento da obra, Sofía faille ver a Dosinda a situación na que se atopa e axúdalle a iniciar un proceso de reflexión persoal que lle deparará grandes cambios, tanto no ámbito familiar como laboral.


Seguiranlle o domingo 1 de outubro ás 19:00 horas a obra infantil As aventuras de Pinocho a cargo de Educateatro e unha semana despois, o 7 de outubro, Teatro do Morcego achegará a obra A nosa señora das nubes.


O día 21 de outubro a quenda será para "Na butaca" a cargo da compañía Butacazero e Títeres Cachirulo co "O entroido dos animais" achegará a súa proposta infantil o día 29 outubro.


No mes de novembro a quenda será para Bivalbos como galegos de Os sete magníficos o día 12 e O soño dunha noite de verán de Teatro Agarimo pechará a programación o 2 de decembro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: