Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

"O Valo" un espectáculo de Pallasos en Rebeldía no Multiúsos de Chapela
Cultura • 19/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Unha nena que foxe da guerra e un rapaz soldado protagonizan a proposta, que se representará o mércores 20 ás 12:00 horas no Multiusos de Chapela. Promover a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas é a finalidade deste espectáculo de clown creado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.


A peza representarase este mércores en Chapela seguindo o seu percorrido por dez concellos socios da entidade. Alumnado de Primaria de tres colexios do municipio achegarase a ver a obra, na xornada previa ao Día Internacional da Paz. O obxectivo é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxen, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente.


Dous actores interveñen no espectáculo "O valo", baseado no texto homónimo que lle valeu a Carlos Labraña o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. "O valo" é unha obra escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: