www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 21 de Novembro de 2018

Festa rachada na XVI Noite da Lúa Meiga
Cultura • 22/08/2017
Autor: Ana Prieto

Un ano máis o Colectivo Lúa Meiga, xunto á Sociedade Cultural do Viso, organiza este festival no marco incomparable do Miradoiro do Monte Outeiro Grande. Será o sábado 26 de agosto coas actuacións de Peter Punk, Ce Orquestra Pantasma, a obra teatral "O Furancho" e os concertos de Sons da Mina, Volta e Dálle, Os Melidaos e Zurrumalla.


Unha gran festa para o público de todas as idades que arrancará ás 10:00 horas coa concentración de "chimpíns" decorados no Torreiro da Gándara, xunto ao campo de fútbol. A caravana seguirá o roteiro de "Meighachimpíns" ata o Miradoiro do monte Outeiro Grande, acompañados sempre da mellor música tradicional. A continuación haberá xantar popular con postos de polbeira, churrasco e petiscos varios, como explica Josinho da Teixeira, un dos organizadore. Xa pola tarde todo o público poderá participar de diversos xogos tradicionais e da programación enfocada aos máis cativos, coa actuación do pallaso e humorista Peter Punk e do home orquestra Ce Orquestra Pantasma. Sen tempo para o descanso, ás 20.00 as actrices Isabel Risco e Marián Bañobre representán a súa obra “O Furancho”. Tamé elas serán as encargadas de presentar aos grupos que actuarán a continuación: Sons da Mina, de Vila de Cruces, Volta e Dálle, de Mondariz, Os Melidaos e o grupo vigués Zurrumalla. Un ano máis, unha ampla e variada programación cen por cen galega e en galego. Desde o colectivo Lúa Meiga amosan tamén o seu agradecemento aos negocios da comarca que patrocinan o festival, así como a todos os colaboradores e veciños que coas súas achegas fan posible levar a cabo un ano máis este festival. Tamén á Comunidade de Montes do Viso, ao Concello de Redondela e á Deputación de Pontevedra.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: