www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Outubro de 2018

Soutomaior creará novas pistas de padel
Deporte • 4/08/2017
Autor: Ana Prieto

As dúas pistas municipais de padel da Montesiña coas que conta Soutomaior quédanse curtas para cubrir a alta demanda existente. A afección a este deporte medrou nos últimos tempos entre o público masculino e feminino de todas as idades, e o Concello quere darlle resposta. Un acordo coa Comunidade de Montes da Montesiña permitirá crear unha terceira pista no mes de setembro.


O delegado de deportes no Concello, Francisco Iglesias, agarda que os trámites administrativos se rematen nas próximas semanas para comezar coas obras. Explica que a alta demanda de participación nos torneos, as clases das escolas deportivas, a liga social e as reservas por libre, fan preciso crear este nova pista. E lamenta que non existan terreos dispoñibles na contorna do pavillón para poder facer máis. Veciños de todas as idades practican este deporte, que conta tamén na localidade con xogadores federados de club Tenis & Padel Soutomaior. Sinala que ao practicarse por parellas, o padel non só supón un hábito saudable, senón tamén un xeito de "socialización". A liga social reune a ducias de parellas, e as pistas do pavillón xa se teñen convertido "nun lugar de reunión" para os veciños.


Torneo de tenis e Padel Concello de Soutomaior


Esta tarde iníciase o torneo de tenis e padel Concello de Soutomaior que reunirá nas pistas da Montesiña a máis de 100 parellas desde hoxe venres día 4 ata o vindeiro sábado día 12. Os máis de 200 participantes dividiranse nas categorías Masculino (1 e 2ª categoría); Feminino (1 e 2ª categoría);Mixto; Iniciación masculina e feminina e para os máis novos a categoría sub-14.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: