www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 17 de Outubro de 2018

O Berete Rock leva a Chapela aos grandes clásicos do xénero xunto ao estilo gótico e o "power metal"
Cultura • 3/08/2017
Autor: Ana Prieto

O paseo marítimo de Chapela acolle este sábado a VI Edición do Berete Rock. Un ano máis a organización levará ao escenario diferentes estilos musicais dentro do rock para satisfacer ao público máis esixente. Dreams of Dolly Sheep abre o concerto, que se completa con Inverno, Druídas, Stasia Momento e Los Cacikes.


O programa arranca ás 21.30 co grupo vigués de rock alternativo Dreams of Dolly Sheep, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, a eles súmanse Inverno e o "power metal" dos galegos Druídas. Os asistentes tamén poderán sorprenderse coa proposta escénica de Stasia Momento. A súa música electrónica escura mestura guitarras, sensacións e sons místicos e estridentes, cunha aposta gótica e teatral. Pecharán o concerto os vigueses Los Cacikes, con versións de clásicos do rock como Deep Purple ou Led Zeppelin. Un dos organizadores do evento, Anselmo Prada, salienta a calidade dos grupos malia ser un concerto no que a entrada é de balde para o todo o público asistente. A asociación Berete Rock, en colaboración co Concello de Redondela, é a encargada de organizar este evento, que cada ano incrementa o interese do público. Prada salienta que a colaboración do comercio local e do propio Concello son fundamentais para poder sacar adiante un ano máis este festival de música rock.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: