Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 14 de Agosto de 2018

A Asociación de Veciños oponse a calquera intento de legalizar o polémico edificio de Chapela
Sociedade • 27/07/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Instan ao alcalde e ao goberno local a desbotar a proposta de legalizar o edificio que se atopa na rotonda de acceso da AP-9 en Chapela (nas inmediacións do Centro de Saúde) e que dende hai dúas décadas é todo un símbolo das ilegalidades urbanísticas. Rexeitan que se use ese inmoble para dar servizo ás asociacións da parroquia "polo elevado custe que conlevaría a súa adquisición e acondicionamento, porque a súa legalización suporía promover as ilegalidades urbanísticas e porque existen outras alternativas moito máis económicas e axeitadas".


O presidente da Asociación de veciños de Chapela, Marcial Pérez, cualifica de despropósito a decisión adoptada no Consello parroquial a instancias da asociación de afectados pola AP-9 e que pasa por estudar a posible legalización do edificio que se atopa na rotonda de acceso á autoestrada.


Todos os partidos da oposición votaron en contra -PSOE, AER e BNG- pero a proposta saíu adiante ao contar co apoio de PP e o resto de colectivos presentes nese órgano, no que non está a Asociación de Veciños.


Ademais de denunciar a composición deste Consello, o presidente do colectivo veciñal denuncia que se pretenda legalizar un edificio ilegal o que suporía "beneficiar a uns promotores particulares a cargo das arcas municipais".


En canto ao argumento da necesidade de locais para as asociacións da parroquia e outros servizos municipais explica Marcial Pérez que existen outras alternativas menos gravosas e máis axeitadas, como acondicionar as casas dos mestres do Colexio Igrexa que quedarán baleiras en canto as clases se trasladen ao novo centros na Finca da Ginaria.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: