www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Maio de 2018

O BNG critica a falta de compromiso do goberno local co idioma galego
Política • 20/07/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O nacionalista Xoán Carlos González responsabiliza a Javier Bas da non obtención de subvencións para o servizo de normalización lingüística e critica as súas actitudes cara o idioma. Neste sentido apunta que "nun feito sen precedentes o propio alcalde escribe en xornais utilizando o idioma español, dende o Concello incúmprese a ordenanza de normalización lingüística ao publicar catálogos en castelán e renuncian a recuperar a toponimia".


Unhas críticas que chegan logo de que se publicaran os concellos que recibirán a subvención que concede a Deputación tanto para o mantemento dos servizos de Normalización xa creados como para a posta en marcha de campañas de promoción e uso do galego e non aparecese entre os beneficiarios o concello de Redondela. O motivo, engade o BNG, "que a solicitude presentouse fóra de prazo por segundo ano consecutivo".


Un feito que para os nacionalistas é un máis na falta de compromiso do goberno local no que a Normalización Lingüística se refire: "nun feito sen precedentes o propio alcalde escribe en xornais utilizando o idioma español, incumprindo a ordenanza de normalización lingüística o concello publica catálogos, recibe escritos das concesionarias nese mesmo idioma; renuncia a recuperar a toponimia dos camiños redondeláns e agora o servizo de normalización lingüística, deixa de ser subvencionado polo departamento de cultura da Deputación".


Conclúe Xoán Carlos González responsabilizando directamente a Javier Bas "do proceso de desprestixio do idioma que se está a vivir en Redondela. Na última restructuración de goberno, asumiu as competenzas de normalización lingüística, e á vista están os resultados", sinala finalmente o edil nacionalista.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: