Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Carmen Amoedo: "Audasa redactará o proxecto e contratará a construción do novo Colexio"
Política • 18/07/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A tenente de alcalde critica as declaracións do deputado socialista Abel Losada e o concelleiro de Redondela Eduardo Reguera por "crear alarma en Chapela ao argumentar que non existe orzamento para construír o novo centro educativo nin nos orzamentos do Estado nin nos da Xunta cando o convenio asinado con Audasa establece que será a concesionaria quen redacte o proxecto e contrate a súa construción". Neste sentido tranquiliza a pais e nais e insiste en que todos os compromisos están por escrito e que, unha vez o Concello poña a disposición de Audasa os terreos da Fincada Ginaria, comezarán as obras.


Entende o malestar que poida haber entre pais e nais pero insiste en que o novo centro na Finca da Ginaria será unha realidade e que así está recollido por escrito nun convenio asinado con Audasa no que a concesionaria establece que "no momento no que o concello poña o terreo a disposición da empresa, Autopistas del Atlántico redactará o proxecto e contratará a construción do novo centro".


Actualmente a tramitación segue o seu curso e está pendente de que os terreos sexan recalificados como de uso dotacional. Insiste Amoedo en que unha vez superado ese trámite, que se está a facer a través da coñecida como Lei Expres (Lei de medidas urxentes da Xunta de Galicia) co obxectivo de que os prazos sexan o máis breves posibles, Audasa fará o proxecto e iniciará as obras "o compromiso está aí en escritura pública e en acordo plenario".


Respecto da posible reubicación de alumnos noutros centros, risco do que alertaba o socialista Eduardo Reguera, explica Amoedo que é unha alarma inxustificada porque tamén existe un documento asinado polo alcalde e enviado á Xunta "no que se establece que non haberá reubicación dos nenos que só sairán do actual centro para retomar as súas clases no futuro colexio" .


Unha vez máis dende o goberno reiteran o seu compromiso de facer o que estea na súa man para evitar que se abra o terceiro carril porque "a seguridade dos nenos e nenas é prioritaria".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: