www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 18 de Novembro de 2018

Acción reivindicativa para que barrios e lugares recuperen a súa toponimia orixinal
Sociedade • 5/07/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Máis de 40 sinais en diferentes parroquias do concello, Cedeira, Ventosela e Reboreda entre elas, apareceron cos sinais tachados. A acción reivindicativa busca denunciar a existencia de graves erros na sinalización colocada polo Concello en rúas, camiños, lugares e barrios de todo o municipio. Nalgúns casos a "imprecisión" débese a que non aparece o nome na súa totalidade (Formiga na vez de Camiño da Formiga) e noutros casos trátase de erros moito maiores xa que se modifica completamente o nome orixinal. Ese é o caso do lugar de "A Miñoteira" rebautizado como "Estrada do Outeiro" ou "Estrada de Cedeira" onde debería lerse "Outide de Abaixo".


A acción reivindicativa afecta tamén a outras sinalizacións que apareceron cos seus rótulos ilexibles na parroquia de Reboreda. Atopamos alí tachados os sinais cos topónimos "Estrada de Ventosela", "Camiño de Reboreda" ou "Estrada de Outeiro". Nestes casos os topónimos correctos e que deberían figurar nestes sinais serían "Lugar de Casto Sampedro", "Camiño de Agrelo" e "A Carambola", respectivamente.


Unha acción anónima que vén precedida de denuncias reiteradas por parte de colectivos culturais como Alén Nós, quen dende hai anos insisten na necesidade de actuar de cara a corrixir erros, recuperar topónimos e eliminar as denominacións arbitrarias coas que se teñen bautizado algúns lugares, camiños ou estradas.


Un feito que vai máis aló da anécdota xa que se traduce en que estean a desaparecer os nomes antigos o que supón tamén desaparición dunha parte importante do patrimonio inmaterial.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: