www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

Veciños e oposición exisen a Fomento que non se abra o novo carril da AP9 polo "grave perigo"
Sociedade • 30/06/2017
Autor: Ana Prieto

As Asociacións de Veciños de Chapela e Trasmañó, xunto cos grupos políticos de PSOE, AER, BNG e o edil non adscrito, esixen a convocatoria inmediata da comisión de seguimento das obras da AP9 nas dúas parroquias. Consdieran "gravísimo" que as obras da autoestrada continúen coa demolición parcial do CEIP Igrexa, mentres aínda hai actividade no colexio. Denuncian que os colectivos seguen sen recibir información sobre o futuro do centro.


Nunha rolda de prensa na que participaron colectivos veciñais e partidos políticos, os voceiros dos colectivos esixiron esta mañán que o terceiro carril da AP9 non se abra ao tráfico no tramo desde a entrada en Chapela ata pasar o Ceip Igrexa "mentres o centro non se traslade" ás novas instalacións proxectadas na coñecida como "finca da Ginaria". Entenden que o colexio non pode continuar coa súa actividade pegado á unha autoestrada con tres carrís, debido "ao grave perigo que suporía a circulación de vehículos". Marcial Pérez, da asociación veciñal de Chapela, lamenta "a falta de compromiso" do goberno local, e advirte que o rexedor Javier Bas mantivo xuntanzas con representantes do Ministerio de Fomento, sen que informase do contido nin aos veciños nin aos grupos da oposición. Lembra que a concelleira do PP Carmen Amoedo, comprometeuse a "encadearse" nas obras para que o terceiro carril non se abrise ao tráfico "mentres os alumnos seguiran no colexio". Desde o PSOE, Eduardo Reguera denuncia que o PP actúa de xeito "oscurantista" ao non informar aos veciños nin aos grupos da oposición. E denuncian como un feito "moi grave" que se estean a facer obras que afectan ao colexio "mentres aínda hai actividades dos profesores dentro". A demolición parcial do Ceip Igrexa tamén é "un despropósito" para Roberto Vilar, de AER, que cualifica o caso como "único en España". E advirte ademais que o colexio novo "nin ten prazos nin orzamento para realizarse". No acto cos medios tamén participaron pais e nais de alumnos do colexio, que amosaron o seu malestar pola falta de información. Mónica Montes explica que desde o goberno local os persuadiron para que aceptasen a construcción dun "muro de protección" pegado ao centro. Advertíronlles que, do contrario, eles serían responsables no caso de que un accidente de tráfico afectase ás instalacións. Desde o BNG súmanse tamén as reivindicacións dos veciños, e advirten que as únicas melloras que se fixeron nas obras foi grazas "á mobilización cidadá". Anxo Lusquiños lamenta "a sumisión do alcalde Javier Bas ás directrices do PP", en lugar de defender "os intereses dos redondeláns". Enrique Fojo, concelleiro non adscrito, afirma que o único interés de Audasa "é o económico", e que os veciños están a sufrir as consecuencias das obras sen que se garantan as reposicións. E denuncia que o goberno local "tampouco cumpre cos seus compromisos". Os veciños seguirán loitando e manifestándose na rúa para que se fagan as reposicións. Rafael Riobó, da asociación veciñal de Trasmañó, denuncia que a ponte sobre a AP9 que conecta coa parroquia "non cumpre cos requisitos mínimos de seguridade", e tampouco hai un compromiso firme para mellorar o acceso. E propón tamén esixir a eliminación da peaxe. Os colectivos demandan tamén información sobre as expropiacións pendentes, a data de remate das obras comprometidas de mellora dos viais afectados e reposicións pendentes.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Marcial Pérez A.VV. Chapela
Pérez foi o encargado de ler o manifesto.
Eduardo Reguera PSOE
Cualifica de moi grave a demolición do CEIP Igrexa mentres hai actividade no centro.
Roberto Vilar AER
Considera que o que Fomento fai co colexio é un despropósito.
Anxo Lusquiños BNG
O BNG culpa ao alcalde da situación na que está o colexio e os veciños afectados.
Enrique Fojo edil non adscrito
Denuncia que nin Fomento nin Audasa nin o goberno local cumpren cos seus compromisos.
Rafael Riobó A.VV. Trasmañó
Demandan a mellora da ponte que conecta con Trasmañó e a supresión da peaxe.
Información ás familias
Nais de alumnos como Mónica Montes lamenta a falta de información e que o goberno local os persuadir para construir un muro pegado ao colexio.
Encadearse con Amoedo
Marcial Pérez lembrou o compromiso da concelleira Carmen Amoedo para evitar que se abrira o novo carril.