www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Redondeláns na elite do balonmán
Deporte • 28/06/2017
Autor: Ana Prieto

O redondelán Eloy Krook, da canteira da SAR, acaba de fichar polo Villa de Aranda, en división de Honra Prata. Alí agárdao Roberto Sánchez "Bicho", outro redondelán das bases do BM.Chapela que sumará a súa quinta temporada en Burgos. Máis lonxe viaxa Carla Rivas, que a próxima temporada xogará no Sporting Rioja.


A canteira do balonmán redondelán exporta talento, e estes tres mozos son un claro exemplo. As terras de Aranda de Duero son o destino de Eloy Krook, que logo de formarse na SAR pasou as últimas seis temporadas no Cangas. O equipo do Morrazo conseguiu a permanencia en Asobal, pero o xogador decidiu fichas polo equipo burgalés, que perdeu a máxima categoría do balonmán español na última xornada. Eloy afirma que na decisión pesaron máis as condicións económicas que lle ofertaba o Villa de Aranda "porque eran moito mellores" que non conxunto do Morrazo. Eloy, de 26 anos, ten experiencia tanto na máxima categoría nacional como na Plata, onde logrou o ascenso a Asobal co Cangas. Un obxectivo que confía en repetir tamén en Aranda de Duero. Únese así ao equipo no que renovou ao tamén redondelán Roberto Sánchez "Bicho", na que será a súa quinta temporada en terras burgalesas. O extremo esquerdo chegou procedente do BM Chapela, onde se iniciara de neno no balonmán, e afirma sentirse "moi a gusto" no Villa de Aranda. Amosouse moi satisfeito pola chegada de Eloy. Pola súa banda, Carla, formada nas bases da SAR, e que levaba as últimas temporadas no Porriño, dá o salto ao Sporting Rioja, co obxectivo de acadar o ascenso. No seu caso, o oferta do club, que inclúe un emprego compatible cos adestradmentos, foi clave na elección. Porque no balonmán, mesmo na elite, non todos os clubs poder permitirse o ter xogadores profesionais con boas condicións económicas. E no caso de Carla, ao tratarse de deporte feminino, aínda é máis complicado. Tal como explica a xogadora, "só en dous ou tres clubs de máximo nivel as xogadoras son prefesionais". Agora disfrutan duns días de vacacións en Redondela, antes de incorporarse aos seus respectivos equipos para comezar a pretemporada. E os seus clubs de orixe aproveitan a súa estadía na casa para facelos partícipes da súas actividades. É habitual que os "heroes" de SAR e Chapela entreguen as medallas nos torneos de verán ou compartan experiencias cos nenos e nenas dos campus de balonmán. Eles son o espello no que os máis pequenos queren verse reflectidos, e pídenlle fotos e autógrafos. Eloy e Carla anímanos na práctica do deporte, e lémbranlles que "con esforzo e constancia" poden chegar a conquistar "calquera meta que se propoñan". A "Bicho" tamén lle acontece o mesmo, e recoñece que aínda non está afeito a que os rapaces o vexan "como a Messi ou Ronaldo".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: